18 de outubro de 2017
O concelleiro de Rexeneración Urbana saúda a “boa sintonía” co ente dependente de Fomento e o “cambio de actitude” da Consellería de Infraestruturas, “que asume as propostas para solventar as deficiencias da estación que o goberno local trasladou no mes de abril”
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, mantiveron esta tarde unha reunión con representantes de ADIF e da Consellería de Infraestruturas na sede da Xunta de Galicia en San Caetano, en Santiago. A xuntanza, convocada por ADIF, enmárcase no seguimento do proxecto da estación Intermodal da Coruña, na que están involucradas as tres administracións e que ten un marcado carácter estratéxico para o modelo de mobilidade da cidade e toda a súa área metropolitana. A reunión, á que tamén acudiu á conselleira Ethel Vázquez, transcorreu nun clima de cordialidade, na que se evidenciou a vontade colaborativa entre administración local e a de Infraestruturas Ferroviarias, así como o cambio de actitude da Xunta de Galicia, que amosou a súa disposición a asumir as melloras propostas polo executivo municipal.
A delegación municipal, encabezada polo rexedor, salientou "a sintonía total" con ADIF de cara a impulsar de forma satisfactoria, no que ten que ver coa parte ferroviaria, o proxecto da estación Intermodal. Nesa liña, na reunión deste mércores acordouse continuar co traballo técnico con xuntanzas a varias bandas. Os representantes do ente dependente do Ministerio de Fomento comprometéronse a convocar a primeira en datas próximas. No que ten que ver coa mobilidade en autobús, que é a que depende da Xunta de Galicia, o concelleiro Varela destaca que hoxe se produciu "un punto de inflexión" en canto á postura da Administración autonómica. "Percibimos un cambio de actitude por parte da conselleira de Infraestruturas, que asume agora as propostas de mellora realizadas polo Concello da Coruña de forma reiterada e concretadas por escrito o pasado mes de abril", comentou. "Isto fai posible, por fin, que nas próximas semanas poidamos asinar un acordo marco de carácter político que nos permita acelerar unha infraestrutura esencial para o futuro da cidade", explicou. Ao fío, o titular de Rexeneración Urbana recordou que o executivo leva meses "traballando co principal obxectivo de axudar á Xunta a salvar as deficiencias técnicas do seu proxecto inicial, tanto no encaixe da terminal de autobuses coa de ferrocarril, como na compatibilidade coa rede de transporte urbano".
Por outro lado, o Concello da Coruña traballa xa na elaboración dunha proposta de convenio de colaboración que implique ás tres administracións e que substitúa ao que actualmente está en vigor, que data do ano 2009. O Concello evidenciou a necesidade de adaptar o convenio á realidade actual da cidade, xa que, por exemplo, é necesario adaptar un novo ordenamento para dar o encaixe urbanístico conveniente á Intermodal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible