16 de maio de 2025
José Manuel Lage subliñou o clima de cooperación institucional co Goberno autonómico: “O diálogo está a ser fructífero e agardo que as obras rematen o antes posible e que a cidade dispoña por fin do hospital que lle corresponde”
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, participaron este venres na visita ás obras de construción dos accesos ao Novo Chuac, unha intervención cofinanciada polo Concello.
Esta mañá, Lage lembrou que o investimento municipal nesta actuación será de máis de 22 millóns de euros. Esta cifra supón que o Concello da Coruña achega máis do 87 % do orzamento total, que é de 24,2 millóns. O importe restante será sufragado pola Xunta, en virtude do acordo acadado previamente co Goberno autonómico ao abeiro das obras para ampliar a superficie e instalacións do hospital herculino.
Cómpre lembrar que, unha vez se complete a remodelación dos accesos, o Concello será o titular dos viais. Isto suporá, na práctica, que a estrada incorporarse ao sistema viario municipal, polo que o Concello tamén asumirá o mantemento e conservación dos mesmos.
Lage subliñou a importancia da colaboración interadministrativa para impulsar a renovación do CHUAC. "Esta é a liña de traballo que nos permitirá dar resposta ás necesidades da cidadanía, e o Goberno de Inés Rey sempre tenderá a man á Xunta para propiciar avances tanto nesta cuestión como en outras que entendemos fundamentais, como a ampliación do parque público de vivenda na cidade", expuxo Lage, quen pediu á Xunta axilidade nos traballos para evitar que se acumulen novos retrasos no proxecto e, desta forma, o Novo CHUAC esté listo no ano 2027.
Lage destacou tamén a interlocución coa Xunta neste proxecto: "Houbo momentos no pasado no que non foi así, mais teño que recoñecer que a situación ten cambiado. O diálogo está a ser fructífero e agardo que as obras rematen o antes posible para que esta cidade, a última en renovar a súa infraestrutura sanitaria, dispoña por fin do hospital que lle corresponde", dixo.
Ademais dos concelleiros, no acto desta mañá participaron tamén a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o xefe da Axencia Galega De Infraestruturas na Coruña, Felipe de la Vega -ámbolos dous, en representación da Xunta- e o xerente da área sanitaria da Coruña-Cee, Luis Verde.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible