16 de marzo de 2017
O concelleiro de Rexeneración Urbana deu conta das dúas liñas principais de axudas, as dirixidas a elementos comúns, eficiencia enerxética, habitabilidade e adecuación de locais comerciais, que pasan dos 800.000 euros aos 1,2 millóns que se recollen nos Orzamentos deste 2017, e a de instalación de ascensores e mellora da accesibilidade, que aumentan desde o 1,2 millóns de euros ata 1,45 millóns
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou este xoves a nova campaña de axudas municipais á rehabilitación de vivenda, dirixidas tanto a comunidades como a persoas propietarias e ocupantes de vivendas e locais, para actuacións que abranguen desde obras de elementos comúns dos edificios, incluída a mellora da eficiencia enerxética, instalación de ascensores ou adaptación á normativa vixentes, obras en Áreas de Rehabilitación xa declaradas e traballos de habitabilidade en vivendas ou de adecuación de locais en áreas declaradas como de rehabilitación. "O Goberno municipal ten un fondo compromiso co dereito a vivenda, que entendemos que empeza co dereito a unha vivenda digna e, ao mesmo tempo, pola rexeneración urbana, nunha cidade que ademais conta con miles de vivendas baleiras", destacou Varela, para salientar o aumento do investimento que o Goberno local inclúe nos Orzamentos de 2017, de case un 30% neste eido, "o que contrasta coa ausencia de compromiso do Estado coas áreas de rehabilitación e rexeneración urbana". A este respecto, o responsable municipal advertiu da "redución sen precedentes das axudas para o fomento de aluguer e rehabilitación de vivenda" que acomete o Goberno central, desde os 1.000 millóns investidos no Plan Estatal de Vivenda de 2007 aos pouco máis de 300 millóns que se plantexan, e que pon en risco, non só o acceso a unha vivenda digna, senón tamén os postos de traballo vinculados ao sector da rehabilitación". "Ante esta falta de compromiso, desde o Concello seguimos aumentando o investimento", incidiu.
Como sinalou o concelleiro, o programa conta con dúas liñas principais de axudas, como son as dirixidas a elementos comúns, eficiencia enerxética, habitabilidade e adecuación de locais comerciais, que pasa dos 800.000 euros ao 1,2 millóns que se recollen nos Orzamentos de 2017, e a de instalación de ascensores e mellora da accesibilidade, que aumenta desde o 1,2 millóns de euros ata 1,45 millóns. Para dalo a coñecer, o Concello lanzará a partir da próxima semana unha campaña, 'Miña casa. Meu lar', na que se repartirán 10.000 dípticos e 5.000 catálogos -coa información detallada-, que se distribuirán por dependencias municipais, centros cívicos, e igualmente en asociacións veciñais da cidade, colexios profesionais -como o de Arquitectura, Arquitectura Técnica ou Administración de Fincas- e, igualmente, entre asociacións relacionadas con discapacidades motoras. "Intentamos facer unha campaña que fose o máis clara e sinxela posible, dado que contén moita documentación, para achegar esa información á cidadanía de maneira pedagóxica", comentou o concelleiro. A información tamén estará dispoñible na web municipal e, igualmente, a cidadanía ten a posibilidade de achegarse ao Servizo de Rehabilitación e Vivenda -en Palexco-, para resolver de forma personalizada dúbidas ou recabar calquera tipo de información nesta materia.
Tamén, durante a presentación, Varela puxo de relevo as modificacións introducidas nos últimos meses polo Goberno local na ordenanza de rehabilitación para elevar a porcentaxe de axudas a vivendas unifamiliares, do 10% ao 30% de investimento, cun máximo de 3.000 euros por vivenda e a inclusión da rehabilitación enerxética de edificios como ítem específico, cunha subvención que aumenta igualmente do 10 o 30%, ata 3.000 euros.
Liñas de axuda
Estas liñas de subvención, que se calculan sobre o orzamento protexido, contemplan gastos como o de obra, honorarios da redacción do proxecto e dirección de obra e tributos relacionados coas actuacións subvencionables (como son o IVE ou o ICIO). Os requisitos pasan por que as vivendas ou edificios estean situados no termo municipal da Coruña, non teñan sobre si ningún expediente de infracción urbanística, conten coas autorizacións necesarias e, no seu caso, cumpran coas obrigas da Inspección Técnica de Edificios (ITE). Ademais, os inmobles obxecto de subvención deberán destinar o 60% a vivenda e un 80% delas deberán ser edificio habitual e parmanente (no caso de subvencións para elementos comúns).
Nas axudas para instalación de ascensores ou adaptación dos mesmos á normativa, estas axudas poderán cubrir, con carácter xeral, o 30% do orzamento protexido ata un máximo de 3.000 euros por vivenda solicitante. Como indicou o concelleiro durante a presentación desta mañá, a subvención poderá elevarse ata o 50% do orzamento protexido ata un máximo de 5.000 euros por vivenda solicitante no caso de residir na mesma unha persoa con problemas de mobilidade reducida -que deberá ser acreditada-.
En canto ás axudas para obras en elementos comúns de inmobles, están destinadas a rehabilitación de elementos comúns en edificios de máis de 50 anos (que non fosen rehabilitados con anterioridade) e, do mesmo xeito, para a adecuación urbanística de edificios, para acometer obras esixidas pola Inspección Técnica de Edificios, obras de accesibilidade (instalación de salva-escaleiras, ramplas...) ou de mellora da eficiencia enerxética. A contía alcanza ata un 50% do orzamentos protexido, cun máximo de 5.000 euros por vivenda, para inmobles con catalogación monumental, integral ou estrutural, mentres que os traballos en vivendas unifamiliares ven elevadas as axudas ata un 30% do orzamento, cun máximo de 3.000 euros; o resto de inmobles poderán recibir ata un 10%, cun tope de 1.500 euros, e haberá posibilidade de axudas adicionais de ata o 20% (máximo de 2.000 euros), en función dos ingresos familiares. As axudas para mellora da eficiencia enerxética tamén aumentan ata o 30% (máximo de 3.000 euros), mentres que os traballos para soterramento de cableado exterior poderán recibir subvención de ata o 50%, cun límite de 1.500 euros.
O programa inclúe tamén axudas para rehabilitación de inmobles en ámbitos declarados pola administración como Área de Rehabilitación Integral (ARI) ou de Renovación Urbana (ARRU), que permite o financiamento do conxunto de obras de rehabilitación de edificios e reurbanización de espazos públicos en áreas con características especiais, sexa para a recuperación de conxuntos históricos, barrios degradados ou núcleos rurais, entre outras tipoloxías. Neste apartado, as axudas poden acadar o 80% do orzamento protexido para as actuacións en elementos comúns do inmoble, e o mesmo para os traballos de habitabilidade da vivenda -neste caso, as axudas concédense en función dos ingresos da unidade familiar-.
Por último, as axudas para obras de mellora da habitabilidade en vivendas particulares e locais van destinadas a renovar inmobles de máis de 50 anos, ou ben para a supresión de barreiras arquitectónicas ou a adecuación de locais en áreas de rehabilitación declaradas. Nesta caso, a liña destinada a vivendas establécese en función dos ingresos familiares e pode acadar o 50% do orzamento protexido, cun máximo de 4.800 euros, en ingresos de ata dúas veces o IPREM (o índice estatal que serve de baremo para a concesión de prestacións), e a liña para locais contempla ata o 25%, cun máximo de 6.500 euros. Estas axudas poden solicitalas tanto particulares que teñan o inmoble en propiedade como empresas e tamén asociacións benéficas ou sen ánimo de lucro que sexan propietarias, e igualmente ocupantes da vivenda ou o local.
Tal e como explicou o concelleiro de Rehabilitación Urbana e Dereito á Vivenda na comparecencia desta mañá, o prazo para que a cidadanía poida formular as solicitudes será de 30 días, unha vez que o programa pase por Xunta de Goberno local, a vindeira semana, e saia publicado no BOP, previsiblemente a finais deste mes, de xeito que as persoas interesadas terán o mes de abril para pedir estas axudas, que poderán abranguer todas as obras que non estean rematadas desde o final da anterior convocatoria.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible