Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de setembro de 2023

A veciñanza poderá propor e escoller investimentos por valor de 1 millón de euros para toda a cidade e por 1,5 millóns de euros para os barrios, a razón de 150.000 euros para cada un dos dez distritos

O Concello pon en marcha a sétima edición dos Orzamentos Participativos cunha proposta de investimento de 2,5 millóns de euros

A partir de hoxe poderán presentarse as propostas para a cidade e os barrios tanto na web do Concello como de xeito presencial nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum

O Concello lanza a partir de hoxe, venres 22 de setembro, unha nova edición dos Orzamentos Participativos cos que a cidadanía poderá escoller investimentos por valor de 2,5 millóns de euros a realizar na cidade con cargo ao orzamento municipal do ano 2024.  A veciñanza poderá propor e escoller investimentos para toda a cidade por valor de 1 millón de euros e por un valor total de 1,5 millóns de euros a repartir nos distintos barrios da Coruña, a razón de 150.000 euros para cada un dos dez distritos censuais.

Como nas sete edicións anteriores, o procedemento desenvolverase en tres fases e todas as persoas empadroadas no municipio da Coruña maiores de 16 anos poden participar neste programa propoñendo, apoiando e votando propostas.

A primeira fase, a recollida de propostas, comeza hoxe e chega ata o 2 de outubro. Nesta fase, os cidadáns poderán presentar as súas propostas para a cidade e os barrios a través da páxina web do Concello, no apartado nacorunacontas.coruna.gal. Tamén se poderán presentar propostas de xeito presencial nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum. Unha vez recibidas, os técnicos municipais validarán aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.

A seguinte fase, a de apoios, terá lugar entre os días 5 e 10 de outubro. Nesta fase do proceso, os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido.

A terceira e última fase, coa votación final, levarase a cabo entre os días 25 de outubro e 2 de novembro. Cada votante poderá apoiar proxectos de cidade que non supere o límite orzamentario de 1 millóns de euros do plan e outros proxectos para tres distritos cun máximo de 150.000 euros por distrito. Aquelas propostas que acaden máis votos, tanto das de cidade como das de cada un dos distritos censuais, incorporaranse ao proxecto inicial de Orzamento Municipal da Coruña da anualidade 2024. Os resultados publicaranse a partir do 5 de novembro.

Para participar a través da plataforma web, é necesaria a creación dunha conta de persoa usuaria, que deberá verificarse. No caso de ter participado en anteriores edicións, non será preciso este paso, xa que a conta permanece activa desde edicións pasadas. Excepcionalmente, na fase de achegas e na de votación non será precisa a creación de dita conta para poder participar a través das outras vías habilitadas, isto é: a presentación de propostas mediante rexistro municipal e o voto final mediante urna.

Na fase de votación, ademais de poder votar mediante a plataforma web, a cidadanía terá a opción de depositar o seu voto en urnas habilitadas en determinados puntos da cidade. En calquera das modalidades de participación, será preciso verificar o empadroamento no municipio.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión