29 de xaneiro de 2016
O primeiro encontro terá lugar mañá, 30 de xaneiro, ás 12.00 horas no Centro Cívico San Diego. As dúbidas ou suxestións que plantexen as persoas que se acheguen serán respondidas polo alcalde ou os e as concelleiras. As seguintes citas están programadas en Palavea e Os Mallos
O Concello porá en marcha mañá unha nova canle de participación coa cidadanía denominada Encontros co alcalde e o Goberno municipal: Dillo ti, e que consiste nunha serie de xuntanzas abertas entre o rexedor, os e as concelleiras e toda a veciñanza. O obxectivo é debater libremente sobre os temas que preocupan á xente, dentro dun ámbito de relacións horizontal. Cada un destes encontros --que arrincan este sábado e posteriormente se repetirán unha vez ao mes-- consistirá nunha conversa de carácter informal, na que poderá participar calquera persoa que o desexe, e na que terá oportunidade de trasladar dúbidas ou suxestións aos membros do Executivo local. Desta forma, a cidadanía poderá participar de forma máis directa no goberno da cidade. O deste sábado terá lugar no Centro Cívico San Diego ás 12.00 horas.
Está previsto que, como norma xeral, os encontros se realizarán o último sábado de cada mes nun centro cívico da cidade, en cada ocasión nun barrio diferente. A participación é completamente libre e está aberta a todas as persoas que desexen asistir, ben sexan da zona na que se realiza o encontro ou de calquera outra do municipio. Poderán propoñer calquera tema, que será respondido ou ben polo alcalde ou polos e polas concelleiras.
Para poder facer preguntas e suxestións non é precisa unha inscrición previa. Só achegarse ao centro cívico sinalado, onde a única limitación será a do aforo do propio recinto. Para facilitar a participación habilitarase un servizo de conciliación para a atención de menores.
Durante o encontro haberá unha persoa mediadora que terá por función dar quendas de palabra así como tomar nota das preguntas, suxestións ou reclamacións que non poidan ser respondidas no momento, para trasladarllas ao Goberno local.
Ademais do encontro que terá lugar mañá en San Diego, xa están programadas as próximas xuntanzas: o 27 de febreiro en Palavea e o 2 de abril no Centro Cívico dos Mallos. Quen o desexe poderá obter máis información destes encontros no enlace www.coruna.es/conversascoalcalde, así como na propia conta de Twitter do Concello (@ConcelloCoruna) co hashtag #dilloti.
Coa habilitación desta nova canle permanente de participación, a cidadanía xa ten catro opcións distintas para facer suxestións directas ao Goberno local, como son, ademais desta, A Porta Aberta, O Escano Cidadán e o 010.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible