13 de novembro de 2017
Xustiza Social actuará nesta primeira edición en tres puntos da cidade --Labañou, Monelos/Elviña e María Pita/Cidade Vella-- a través de grupos conformados por educadoras de rúa que actuarán coa mocidade nos ámbitos das adiccións e da xestión do ocio saudable
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, presentou este luns o novo programa de Mediación Xuvenil na rúa, que vén de poñer en marcha o seu departamento municipal e que ten como obxectivo "previr condutas de risco que poden derivar en hábitos non saudables, así como evitar os conflitos que por este motivo se poidan xerar no ámbito comunitario". Os e as potenciais destinatarias deste proxectos son mozos e mozas que empregan a rúa como espazo de ocio e que, por diversas cuestións, presentan factores de risco derivados, en moitas ocasións, de situacións de dificultade no ámbito social e familiar. "O que pretendemos con este programa e crear novos marcos que faciliten a comunicación entre as partes e a resolución positiva dos conflitos, fomentando actitudes cooperativas, de respecto polos demais, de diálogo, e de escoita activa", explicou a responsable municipal.
O programa conta con tres equipos de traballo conformados, cada un, por tres educadoras sociais de rúa con experiencias en áreas como son: xénero e prevención de condutas violentas, consumo e minimización de risco no consumo de substancias e resolución de conflito e dinámica de grupos. Segundo explicou Cameán, nesta primeira fase, o programa de mediación de se desenvolverá na zona de Labañou, Monelos/Elviña e María Pita.
As accións dentro do programa de Mediación Xuvenil en Labañou realizaranse na zona situada entre o centro comercial dos Rosais, a praza de Alcaldesa Berta Tapia e a praza Torrente Ballester. O punto de referencia será o Centro Cívico de Labañou. Segundo a zona de actuación terá como puntos referenciais os centros cívicos de Elviña e de Monelos. O equipo de traballo abranguerá o espazo comprendido entre a praza Esteban Lareo, a praza Luis Seoane e a praza dos Álamos. Por último, e tendo como punto de referencia o Centro Cívico da Cidade Vella, a terceira área de actuación comprende as zonas situadas entre o triángulo que conformará o Campo da Leña, a explanada do Parrote e a Maestranza.
Tal e como explicou Cameán, o programa contará cunha fase inicial de actuación onde se realizará unha diagnose, identificando os factores de risco das mozas e dos mozos. A segunda será unha fase de inmersión, onde as educadoras de rúa establecerán contactos, para dar paso a unha terceira fase de acompañamento, na que se dará información á xuventude sobre os recursos educativos, laborais ou de ocio. A última será unha fase de avaliación, onde se analizarán os datos e os resultados obtidos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible