19 de maio de 2017
O edil Xiao Varela salienta que estas intervencións “vertebrarán percorridos peonís intuitivos e seguros” tanto no interior do barrio como na conectividade deste con Santa Gema e Peñarredonda
O Goberno local vén de iniciar esta semana un conxunto de intervencións que teñen como finalidade mellorar a seguridade e a mobilidade peonil da veciñanza de Palavea, así como a conectividade da zona cos núcleos de Santa Gema e Peñarredonda. O obxectivo, segundo indica o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, é "resolver as principais situacións de inseguridade viaria para o peón que se dan no barrio" a través "da vertebración dun percorrido peonil doado, accesible, intuitivo e seguro", que conecte tanto o interior dos núcleos como estes entre si, "ata agora practicamente illados uns dos outros por vías que dan prioridade ao vehículo e que son hostís co peón. O concelleiro sinala que estas actuacións responden a unha demanda dun grupo de veciñas e veciños de Palavea Vella, e que "foron planificadas desde o pasado mes de xaneiro en estreita interlocución coa veciñanza da zona, á fin de mellorar non só a calidade e accesibilidade do espazo público, senón a súa propia seguridade".
Así, esta semana iniciáronse as obras en Luís López Casanegra, a rúa á que corresponde a maior concentración de habitantes en Santa Gema, coa intención de mellorar a conectividade, en primeiro lugar, na contorna do centro comercial de Palavea. A operación consistirá nunha ampliación da beirarrúa cunha orella, á altura da farmacia, para mellorar a seguridade do paso peonil e desprazalo "lixeiramente", segundo indica Valera, "para facer máis fluídos os percorridos peonís". A esta acción seguiralle a construción dunha beirarrúa no lado dereito do treito que Luís López Casanegra pasa por debaixo da N-550, e que continuará ata o aparcadoiro do Centro Comercial Alcampo, "xa que ese lado é o principalmente empregado polos peóns, que hoxe camiñan por unha beiravía", explica Varela. Ademais, ao longo dese mesmo treito, o Goberno local construirá un novo paso de peóns e dotará --tanto a este como ao paso xa existente--, de vaos para facilitar o acceso ao mesmo.
Por outra banda, o Goberno local tamén está a mellorar a conectividade entre Palavea e a zona de Penarredonda. En concreto, na rúa Peñarredonda, tralo cruzamento coa rúa Ginebra, que ten a parada do autobús da liña 22 coma lugar de converxencia, e na que se ampliará o ancho desta beirarrúa "Neste caso, as condicións de seguridade até o de agora eran máis deficientes, xa que a marxe situada fronte á parada era unha especie de trampa, que obrigaba a veciñanza a cruzar por diante dunha saída do nó da AP-9", explica Varela, quen avanza que nesta intervención, eliminarase o "enganoso" treito situado entre os dous pasos peonís e que, coa ampliación da beirarrúa, "contarase coa anchura suficiente para instalar unha marquesiña de autobús para o abeiro das persoas viaxeiras, unha demanda moi reclamada por parte da veciñanza". Finalmente, nesta actuación farase accesible o percorrido mediante vaos, "xa que ningún dos pasos de peóns que permiten o nomeado desvío contaban con eles", apuntou o edil.

18 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible