13 de setembro de 2016
O Goberno local reforzará os rexistros de María Pita, Fórum Metropolitano e Centro Ágora con persoal municipal na xornada das eleccións
O Goberno local local vén de activar, dentro da páxina web municipal, un espazo para que a veciñanza da Coruña poida consultar o colexio electoral no que poderá exercer o seu dereito ao voto durante a xornada do domingo 25 de setembro, na que se celebrarán as eleccións ao Parlamento de Galicia. A posta en marcha deste espazo, www.coruna.gal/eleccions, chega tras comprobar que un grupo de persoas da cidade non recibiran no seu domicilio a tarxeta electoral "porque o Instituto Nacional de Estadística, dependente do Goberno central, non actualizou correctamente as súas bases tras dar este Goberno cumprimento a Lei de Memoria Histórica e comunicarlles o cambio de nomenclatura e numeración nas rúas da cidade", sinala a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso. O executivo coruñés, "a pesar de facilitarlle en tempo a información", salienta a edil, "comprobou esta situación anómala e presentou ante o INE un requerimento para que subsane este erro da súa base de datos". Deste xeito, e para garantir que esta realidade cause as mínimas molestias á veciñanza, "ademais do espazo web de consulta para calquera persoa residente na cidade, as afectadas recibiron unha notificación na súa casa esta semana informando do seu colexio electoral", di a responsable municipal.
En total, son 700 persoas prexudicadas pola falta de actualización das bases de datos estatal as que recibiron entre onte e hoxe unha carta do Goberno local informando da situación da súa mesa electoral. Ademais desta notificación e a apertura da páxina na web municipal, Delso afirma que o teléfono de atención á cidadanía 010 "tamén reforzará o seu servizo estes días para responder as posibles demandas informativas sobre a situación dos colexios electorais".
A concelleira destaca que a iniciativa, habilitada para estas eleccións "pero que poderá empregarse noutras citas", responde á necesidade de facilitar a poboación "toda a información necesaria para que poidan exercer un dereito democrático". Así, a través de www.coruna.gal/eleccions, as persoas interesadas en empregar este servizo poderán introducir o seu DNI para coñecer de primeira man a localización da mesa e espazo na que deberán votar.
Ademais, durante a xornada domingo 25 de setembro, os rexistros municipais situados no Centro Ágora, Fórum Metropolitano e o Pazo de María Pita, contarán cunha maior presencia de persoal municipal "para solventar todas as dúbidas que poidan xurdir durante a cita coas urnas", explica a concelleira.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible