11 de setembro de 2026
O Concello mantén este ano unha achega de 25.000 euros a ASPANAES para financiar o servizo de respiro familiar e apoio ás persoas coidadoras
Nereida Canosa visitou as novas instalacións de ASPANAES para a promoción da autonomía persoal
A concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, visitou este venres as novas instalacións de ASPANAES, destinadas ao Servizo de Prevención da Dependencia e Promoción da Autonomía Persoal e aos servizos centrais da entidade. No acto participaron tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente de ASPANAES, Ignacio Labella; representantes da entidade, profesionais e familias.
Canosa puxo en valor o novo recurso e, especialmente, o traballo que ASPANAES desenvolve desde 1979 para acompañar as persoas con autismo e as súas familias. Un labor que abrangue as diferentes etapas da vida e no que resultan fundamentais a prevención, a atención temperá e a continuidade dos apoios para favorecer a autonomía persoal e a plena participación na sociedade.
A concelleira destacou tamén o papel das familias, que estiveron na propia orixe de ASPANAES e continúan sendo unha parte fundamental da entidade. Neste sentido, salientou a importancia de que as administracións acompañen tanto as persoas con autismo como as súas familias, contribuíndo con recursos e políticas públicas que dean resposta ás súas necesidades.
Este compromiso enmárcase na aposta do Goberno municipal polas políticas sociais e pola colaboración co tecido asociativo da cidade. A Coruña é a cidade galega que máis inviste en servizos sociais por habitante, segundo a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, e só desde a área de Benestar Social mantéñense preto dun centenar de convenios con entidades, ademais das diferentes liñas de subvencións.
Entre estas colaboracións está a que o Concello mantén con ASPANAES, á que destina este ano unha achega de 25.000 euros para financiar o servizo de respiro familiar e apoio ás persoas coidadoras. A cooperación coa entidade compleméntase con medidas destinadas a facer máis inclusivas as festas e actividades municipais e con outras políticas vinculadas á autonomía persoal, á vida independente e á inclusión comunitaria.
Canosa destacou tamén a importancia da cooperación entre as administracións e as entidades sociais para seguir avanzando na inclusión, así como o coñecemento e a experiencia dos equipos profesionais que traballan directamente coas persoas con autismo e as súas familias
As novas instalacións permitirán a ASPANAES reforzar o seu labor de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, xerando novos apoios e oportunidades para que cada persoa poida avanzar no seu propio proxecto de vida.
Desde o Concello reiterouse o compromiso de seguir colaborando con ASPANAES e co conxunto do tecido social para avanzar nunha Coruña máis inclusiva, que coide, acompañe e garanta oportunidades a todas as persoas.

31 de agosto de 2026

18 de agosto de 2026

13 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible