19 de xuño de 2026
Nereida Canosa explicou a programación municipal de Coruña Orgullosa, que pon o foco nas persoas intersex, a infancia, a memoria e o traballo das entidades LGTBI
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentou hoxe, en representación do Goberno de Inés Rey, a campaña municipal do Orgullo 2026, que se desenvolve baixo o lema "Coruña Orgullosa. Celebrando a diversidade".
A campaña, impulsada polo Concello en colaboración co tecido asociativo LGTBI da cidade, reúne unha programación ampla durante os meses de xuño e xullo, con propostas culturais, actividades de sensibilización, espazos de encontro, accións dirixidas á infancia, cine ao aire libre, obradoiros, feira de entidades, manifestación e concerto.
Canosa destacou durante a rolda de prensa que "o Orgullo non é un acto protocolario nin unha data marcada no calendario, senón unha afirmación pública de que ningunha persoa debe vivir con medo, con vergoña ou agochando unha parte esencial de si mesma". A concelleira subliñou tamén o papel das entidades LGTBI da cidade, ás que agradeceu o seu traballo continuado "sostendo redes de apoio, acompañando, facendo pedagoxía e lembrando que os dereitos se conquistan colectivamente".
A edición deste ano pon o foco en realidades que precisan máis recoñecemento social, como as mulleres lesbianas, a diversidade corporal e, de maneira especial, as persoas intersex. Neste sentido, o Concello faise eco do chamamento da Federación Estatal LGTBI+, que dedica o seu ano temático 2026 á reivindicación dos dereitos humanos das persoas intersex.
"Falar de persoas intersex é falar tamén de dignidade, de autonomía corporal, de dereito á información, de consentimento e de vivir o propio corpo sen estigma", sinalou Canosa. A concelleira incidiu en que dar nome e visibilidade a estas vivencias "é tamén unha forma de avanzar en dereitos".
A campaña incorpora ademais dúas liñas centrais: a infancia e a memoria. No primeiro caso, a través de actividades que promoven o respecto á diversidade desde idades temperás. No segundo, coa entrega do III Premio Tomás Fábregas, en recoñecemento á memoria dun activista coruñés fundamental na defensa dos dereitos das persoas LGTBI e das persoas con VIH.
Entre as principais citas da programación destacan o IV Ventorrillo Orgulloso, este sábado 20 de xuño; a Feira de Entidades, o 27 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez; e a manifestación do Orgullo, o 28 de xuño, con finalización na praza de María Pita e lectura do manifesto. Ese mesmo día, unha vez rematada a manifestación, o Concello completará a xornada cun concerto aberto á cidadanía na praza de Azcárraga, ás 22.00 horas, coa participación de Sophie Simonds e Cecilia Burillo, e da Banda da Raposa.
A programación continuará no mes de xullo co ciclo Cine con Orgullo, que se celebrará os días 1, 2 e 3 no Campo da Leña, e co encontro "Orgullo corporativo. Empresas e diversidade LGTBI+", dirixido ao tecido empresarial coruñés.
Canosa pechou a presentación sinalando que "Coruña Orgullosa. Celebrando a diversidade non é só o lema dunha campaña, senón unha forma de entender a cidade: unha cidade que celebra, que acompaña e que reivindica, porque sabe que a igualdade non se dá por feita, constrúese cada día".
Semáforos LGTBI
O vindeiro día 28 de xuño conmemorarase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha data que, desde os seus inicios, reivindicou os dereitos do colectivo e concienciou, a nivel mundial, da importancia de acadar avances reais en materia de igualdade, un compromiso que comparte o Concello.
Este compromiso, palpable na colaboración existente coas entidades para organizar eventos socioculturais como o Orgullo Coruña, tamén se estenderá aos espazos públicos da cidade, onde se visibilizarán as cores do movemento en rúas como Mosteiro de Caaveiro, no barrio do Ventorrillo.
Ao longo dos últimos días completáronse as tarefas de pintado que tinguiron de arcoiris os báculos semafóricos instalados no cruzamento coas rúas Alcalde Salorio Suárez e Alfredo Tella, "unha actuación pequena, mais chea de simbolismo, que levamos a cabo da man da asociación veciñal do barrio de cara á cuarta edición do Ventorrillo Orgulloso", explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
A edil puxo en valor o impacto positivo destas medidas, "que entendemos necesarias para seguir avanzando cara a unha igualdade plena, sen retrocesos e, botando a vista atrás, sen esquecer de onde vimos", dixo Díaz, que lembrou que, o ano pasado, España conmemorou o 20º aniversario da aprobación do matrimonio igualitario. Foi no 2005, sendo o terceiro país do mundo en dar luz verde a legalizalo.
O pintado dos semáforos arcoiris en Mosteiro de Caaveiro reforza as iniciativas neste eido nos diversos distritos da Coruña, onde en anos anteriores xa se executaron actuacións na paisaxe urbana en puntos como a praza de Mina ou o cruzamento entre Ramón y Cajal e Alcalde Marchesi, tamén en enclaves como o monte de San Pedro, onde se habilitou un banco coas cores LGTBI no 2024.
DESCARGA AQUÍ a programación do Orgullo 2026 na Coruña (1 MB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible