Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de marzo de 2017

O Concello presenta a primeira edición do Campionato de Marcha Nórdica da Coruña, que se celebrará o domingo 5 de marzo e abrirá a competición estatal da tempada

O edil Alberto Lema destaca “a alta participación feminina na proba”, que percorrerá o bordo litoral e puntuará na clasificación da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá no Pazo de María Pita o Campionato de Marcha Nórdica da Coruña, proba cuxa primeira edición terá lugar este domingo, 5 de marzo. Nesta disciplina, recoñecida como modalidade deportiva en xuño de 2015 pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), as e os participantes empregan uns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento da actividade, co obxectivo de optimizar o esforzo físico realizado no movemento nun percorrido que pode ter lugar tanto no natural coma nun circuíto urbano. O responsable municipal de Turismo salientou o compromiso do Goberno local co deporte "na súa vertente saudable", a través dunha disciplina "novidosa" e que pode ser practicada por todos os públicos. A proba do domingo, que puntuará na clasificación da FEDME, "abrirá o primeiro circuíto estatal, polo que podemos dicir, con orgullo, que A Coruña inaugurará a historia da Marcha Nórdica en España", afirmou Lema.

O domingo 5 as e os deportistas percorrerán unha distancia de 13,34 km nunha volta e media a un circuíto urbano que percorre o bordo litoral entre a praza de María Pita, onde estará situada a saída e a meta, e a torre de Hércules. O concelleiro avanzou que a carreira, que contará con máis de 100 participantes, presenta "unha taxa moi alta de participación feminina, arredor dun 65%." Neste sentido, Lema destacou a aposta do executivo municipal coa visibilización do deporte feminino así como por achegar eventos á cidade que "contribúan a desestacionalizar a oferta turística como acontece nesta proba, que se celebra en marzo".

"Case un 70% das e dos participantes desta primeira edición da Marcha Nórdica da Coruña son de fóra da cidade", sinalou o edil, na súa maioría de rexións como Álava, Asturias, Barcelona, Baleares ou Madrid. "Coñecendo o grande interese que está a acadar esta novidosa modalidade en Europa, e que está en auxe na Península Ibérica, agardamos seguir avanzando e crecendo nesta liña". Neste sentido, a xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, que acompañou ao concelleiro na rolda de prensa, destacou "a singularidade da orografía da Coruña"  para practicar este deporte, "tanto no seu ámbito natural como urbano".

No caso do domingo, a cita desenvolverase nun terreo mixto, dun circuíto de volta e media no que se combinarán 11,3km de asfalto e 2 km de terra. O grupo partirá ás 9.30 horas da Praza de María Pita, a través do Parrote, Paseo Marítimo e os sendeiros da zona da Torre de Hércules  cara á estatua de Breogán, onde dará a volta até o cemiterio de San Amaro para regresar, de novo, ao pé da Torre de Hércules. Desde alí realizarán o último tramo do camiño ata chegar a meta, situada na praza de María Pita. Os detalles do percorrido poden coñecerse neste enlace: https://www.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=16336941

A seguinte cita da competición estatal terá lugar o 2 de abril, en Santa Ana la Real (Huelva), na que se celebrará o Campionato Estatal de Marcha Nórdica no Medio Natural. As seguintes probas serán o 6 de maio en Elburgo (Álava), o 4 de xuño en Valladolid, o 24 de xuño en Granada e o 14 de outubro en Capdepera (Mallorca).

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión