Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de agosto de 2016

O Concello presenta alegacións ao convenio sobre recuperación de envases que a Xunta negocia con Ecoembes, "ao penalizar o bo traballo que fai a cidadanía da Coruña na reciclaxe"

A concelleira María García cuantifica as perdas do Concello e o Consorcio das Mariñas por esta partida en 1,2 millóns de euros ao ano, e lembra que A Coruña “é a cidade de Galicia que máis envases recupera”, cunha media moi superior á estatal e á galega

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu a coñecer este martes as alegacións que o Concello presentou esta semana -e que foron subscritas igualmente polo Consorcio das Mariñas- ao convenio marco que a Xunta negocia coa entidade Ecoembes sobre reciclaxe e recuperación de envases, relativa ao pago que esta última fai ás administracións locais, encargadas da recollida e o tratamento destes residuos, polos gastos derivados destas tarefas. Tal e como denunciou, esta negociación estase a producir "desde unhas condicións que  prexudican á cidadanía da Coruña, os interesesa económicos do Concello e os propios traballadores da planta de Nostián". "A pesar de que as administracións locais somos as responsables de xestionar estes residuos, quen negocia o convenio con Ecoembes é a Xunta e o fai, desde o noso punto de vista, desde unhas condicións que nos prexudican enormemente, xa que o primeiro que se pon enriba da mesa é unha redución dese pago aos concellos de máis dun 15% no canon que teñen que aboar as empresas por estes envases", censurou a responsable municipal, que cuantificou as perdas anuais de ingresos que isto suporá para o Concello e o Consorcio nun mínimo de 1,2 millóns de euros.

"Trátase da penalización dun traballo que se está a facer ben", considerou García, salientando que "A Coruña é a cidade de Galicia que máis envases recupera", cunha media por persoa e ano de 46 quilos de envases, fronte aos 21 quilos por persoa e ano de Galicia, ou os 28 quilos da media estatal. "No último semestre experimentamos ademais un incremento de case o 16% da cantidade de envases recuperados e enviados a reciclaxe. Entendemos que esta diminución do pago é un castigo para quen está facendo ben o seu traballo", lamentou, para advertir de que o Concello da Coruña xa solicitou unha nova reunión coa Xunta para abordar esta cuestión. "Agardamos que a xuntanza sexa fructífera e que se valore a necesidade de revisar as condicións dun novo criterio de adhesión, pero de non selo, reservámonos o dereito de recorrer o convenio ante os tribunais", advertiu, despois de poñer de relevo a importancia que ten para o Concello esta partida, "coa que a planta de Nostián, o Concello e o Consorcio perciben máis de sete millóns pola recuperación destes residuos. "Para nós, as condicións que se están incluíndo no convenio marco  son inaceptables. O que reclamamos é que se negocie co Concello da Coruña, directamente, como titular da planta de Nostián e titular dun modelo de residuos que está sendo dos máis exitosos de Galicia; que se nos teña en conta, se nos convide á mesa de negociacións e se introduzan os intereses das administracionss locais. Que haxa lealdade institucional entre as administracións, e non só se teñan en conta os intereses das empresas xeradoras de envases", pormenorizou.

"Os retos en canto a reciclaxe son cada vez son máis ambiciosos. Temos que recuperar máis, e temos aí as directrices da Unión Europea para que se composte máis, que avalan o modelo da Coruña en canto a compostaxe, e por contra se nos reducen os ingresos e pagos; é algo que nos resulta difícil de defender", posicionouse. "Ao mesmo tempo que estamos destacando neste tema estásenos castigando, a nós como Concello, á cidadanía que fai o esforzo de reciclar e separar os seus residuos nas casas, e ao cadro de persoal da planta de Nostián, que tamén están facendo un traballo excelente e se ven perxudicados nas condicións actuais da negociación", incidiu.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión