Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de setembro de 2026

Inés Rey destaca que "A Coruña volveu demostrar que é unha cidade que participa, que propón e que quere implicarse activamente nas decisións sobre o seu futuro"

O Concello presenta as 32 propostas seleccionadas dos Orzamentos Participativos cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros

A cidadanía escolleu actuacións nos dez distritos e seis proxectos de ámbito cidade que se executarán entre 2027 e 2028

O Concello presentou hoxe as propostas seleccionadas dos Orzamentos Participativos 2026, un proceso no que a cidadanía decidiu o destino de máis de 2,5 millóns de euros en investimentos municipais. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, deu a coñecer as 32 actuacións seleccionadas pola veciñanza.

Nesta edición presentáronse un total de 436 propostas de investimento, superando as 424 rexistradas na anterior convocatoria, case un 3% de incremento. Das iniciativas recibidas, 102 foron consideradas viables tras a análise técnica, xurídica e económica realizada polos distintos servizos municipais. Finalmente, a cidadanía seleccionou 32 actuacións cun investimento total de 2.513.230 euros.

Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou o elevado nivel de participación alcanzado ao longo do proceso. "A Coruña volveu demostrar que é unha cidade que participa, que propón e que quere implicarse activamente nas decisións sobre o seu futuro", sinalou. Rey subliñou ademais que as propostas chegaron de todos os distritos da cidade, reflectindo unha participación "verdadeiramente territorial" e baseada no coñecemento directo das necesidades dos barrios.

As actuacións seleccionadas inclúen proxectos de mellora do espazo público, zonas verdes, accesibilidade, mobilidade, equipamento urbano, lecer, deporte e biodiversidade distribuídos polos dez distritos da cidade. Entre as iniciativas elixidas figuran actuacións no Mercado de San Agustín, novas plantacións de arborado, creación e renovación de áreas infantís, melloras en espazos públicos, novas hortas urbanas, áreas caninas, actuacións de accesibilidade e a creación de itinerarios peonís e equipamentos de uso veciñal.

Ademais, a veciñanza seleccionou seis proxectos de ámbito cidade, cun investimento conxunto de 513.500 euros. Entre eles inclúense a instalación e reposición de fontes públicas, a creación de refuxios de biodiversidade urbana, unha rede de circuítos deportivos sinalizados, a colocación de cofres con aros salvavidas ao longo do paseo marítimo e novo equipamento para os locais TEU.

A alcaldesa incidiu en que o novo modelo de Orzamentos Participativos foi deseñado para garantir que as propostas sometidas á votación veciñal fosen proxectos viables e executables. "Non queriamos que a cidadanía tivese que escoller entre ideas que despois non se puidesen materializar. Queriamos proxectos reais, avaliados e cunha estimación económica o máis axustada posible á súa execución", explicou.

O seguinte paso será a aprobación dos resultados nos órganos municipais correspondentes. A previsión é elevar a proposta á Xunta de Goberno Local na primeira sesión ordinaria de outubro, continuar a súa tramitación na Comisión Informativa de Economía e, posteriormente, levala ao pleno municipal. Unha vez completado este procedemento, os proxectos iniciarán a súa fase de desenvolvemento e execución durante os anos 2027 e 2028.

Rey agradeceu a implicación da cidadanía durante todo o proceso e salientou que os Orzamentos Participativos permiten construír cidade desde os barrios e desde as necesidades cotiás da veciñanza. "Participar non é só decidir entre distintas propostas. Participar é corresponsabilizarse coa cidade, pensar no espazo que compartimos e contribuír a melloralo", concluíu a alcaldesa.

Proxectos seleccionados e orzamento

Distrito 1: Cidade Vella - Pescaría

  • Creación de aseos públicos accesibles na planta 0 do Mercado de San Agustín: 70.000 euros.
  • Creación dun cuarto refrixerado para residuos no Mercado de San Agustín: 60.000 euros.
  • Instalación de consignas intelixentes no Mercado de San Agustín: 50.000 euros.

Distrito 2: Monte Alto

  • Plantación de arborado no paseo marítimo dos Pelamios: 60.000 euros.
  • Ampliación e humanización da praza de San Xosé: 130.000 euros.

Distrito 3: Ensanche - Catro Camiños

  • Acondicionamento dos xardíns da praza da Fábrica de Tabacos: 80.000 euros.
  • Creación dunha área infantil entre Castiñeiras, Cabana e Juan Flórez: 129.577 euros.

Distrito 4: Os Mallos - Sagrada Familia

  • Reurbanización e humanización da praza da rúa Puerto Rico: 224.800 euros.
  • Renovación das áreas de descanso da explanada do Palacio da Ópera: 6.000 euros.

Distrito 5: Riazor - Labañou - Os Rosales

  • Creación dunha zona de xogo infantil no parque Adolfo Suárez: 50.000 euros.
  • Plantación de arborado en dúas zonas verdes dos Rosales: 30.000 euros.
  • Mellora do alumeado e mobiliario no acceso ao Ágora: 25.000 euros.
  • Renaturalización no Paseo de Rolda: 56.000 euros.
  • Renovación do parque infantil de San Roque: 100.000 euros.

Distrito 6: Agra do Orzán

  • Execución dunha rampla de acceso á rúa Mosteiro de Monfero: 7.000 euros.
  • Humanización dun tramo da avenida das Conchiñas: 206.353 euros.

Distrito 7: Os Castros - Elviña

  • Creación de hortas urbanas no polígono de Someso: 120.000 euros.
  • Creación dunha área canina no polígono de Someso: 160.000 euros.

Distrito 8: Eirís - As Xuvias - Xuxán - Palavea

  • Mellora do alumeado e sinalización da senda runner de Xuxán: 50.000 euros.
  • Acondicionamento da fonte do Laranxeiro e da súa contorna: 50.000 euros.

Distrito 9: Mesoiro - Castro de Elviña

  • Renovación e modernización do parque infantil de Novo Mesoiro: 105.000 euros.
  • Instalación de alumeado no parque xuvenil de Ribeira Sacra: 35.000 euros.
  • Creación dun parque biosaludable na urbanización Breogán: 60.000 euros.

Distrito 10: Agrela - Bens

  • Creación dun itinerario accesible ata a parroquia do Pilar no Ventorrillo: 50.000 euros.
  • Melloras nas conexións entre O Ventorrillo e o futuro parque de Visma: 30.000 euros.
  • Creación dun observatorio ornitolóxico no litoral de Bens: 55.000 euros.

Toda a cidade

  • Instalación e reposición de fontes públicas na cidade: 110.000 euros.
  • Creación de refuxios de biodiversidade urbana: 100.000 euros.
  • Sinalización dunha rede de circuítos deportivos urbanos: 25.000 euros.
  • Ampliación da rede de fontes lúdicas da cidade: 220.000 euros.
  • Instalación de cofres con aros salvavidas no paseo marítimo: 52.000 euros.
  • Instalación de pantallas nos locais TEU: 6.500 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión