26 de setembro de 2017
Na última fase emitíronse máis de 12.400 votos, case un 80% máis que na pasada edición, “o que referenda o compromiso do goberno local por este mecanismo de democracia directa”. As propostas gañadoras abranguen, principalmente, ámbitos como infraestruturas ou medio ambiente, “e apostan por un espazo público máis verde e amable coa mobilidade peonil”
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta mañá os resultados do proceso de Orzamentos Participativos deste ano. En total, 46 propostas achegadas e escollidas pola veciñanza formarán parte do proxecto de presupostos do goberno local da Coruña para o 2018, segundo anunciou a edil, nun ano no que se incrementou un 60% a participación da veciñanza no proceso. "Á vista dos resultados, a valoración que facemos desta segunda edición desde programa innovador na cidade é moi positiva, en especial polo aumento significativo da participación e implicación da cidadanía no proceso, o que referenda a aposta do goberno local por este mecanismo de democracia directa e o compromiso que ten coas políticas de participación -explicou Delso- e, en concreto, con este programa, que se está a posicionar como unha iniciativa imprescindible para este Concello". "A consolidación é un camiño progresivo, pero cremos que o incremento dun 60% de participantes globais neste proceso demostra que esta ferramenta de democracia directa segue a medrar, e que existe unha implantación real dos Orzamentos Participativos na cidade da Coruña", afirmou a responsable municipal.
Tal e como detallou a edil, o número de votos emitidos nesta última fase do programa foi de 12.404, o que supón un incremento dun 79,64% da participación na votación respecto ao proceso de 2016. Este aumento tamén foi significativo no número de persoas que emitiron o seu voto (2.326), un 88,80% máis que o ano pasado. "É relevante e cómpre salientar que nesta segunda edición non só recibimos máis votos, senón tamén máis propostas e máis apoios que na pasada, o que corrobora a idea na que cremos firmemente neste Concello: a participación da cidadanía e a súa implicación nas políticas públicas aumenta se a veciñanza ten a oportunidade de facelo", sinalou Delso.
En total, no conxunto de fases do proceso tomaron parte 3.144 persoas, un 60,08% máis que o ano pasado, o que representa que case o 1,5% do censo do municipio que podía intervir participou, directamente, no programa de Orzamentos Participativos. "Dous anos despois do inicio deste mandato, hoxe podemos dicir que, na Coruña, máis de 3.100 persoas poden achegar propostas, apoialas e decidir en que proxectos, para mellorar a calidade de vida da cidadanía, queren investir 3 millóns de euros do orzamento do seu municipio".
En total resultaron elixidas 46 das 141 propostas que pasaron á ultima fase de votación e foron avaliadas polos servizos técnicos municipais. Os ámbitos temáticos que abranguen estas iniciativas son diversos, pero a meirande parte delas poden encadrarse nas áreas de infraestruturas (20) e medio ambiente (17), ademais de mobilidade (6) ou innovación, cultura e turismo (3). As achegas veciñais, que formarán parte do proxecto de Presupostos do Concello do ano 2018, diríxense a melloras de instalacións deportivas, mobiliario urbano, accesibilidade, pasos peonís e parques infantís, plantación de arborado nos barrios, ampliación do carril bici e instalación de novas bases de bicicoruña, entre outras propostas.
No apartado propostas de cidade -cun orzamento reservado dun millón de euros-, cinco foron os proxectos resultaron escollidos pola veciñanza a través de www.aportaaberta.coruna.es, por un importe total de 974.520 euros. "Estas cinco iniciativas globais, que redundan no beneficio do conxunto da cidade, son as que recibiron un maior número de votos, con máis de 500 cada unha delas", explicou a concelleira. Estas propostas globais son a instalación de Postos de recollida de aceite usado de uso doméstico, Carril bici por toda a cidade, Mellora do pavimento nas escaleiras do Barrio das Flores, Rampla de acceso a vivendas e Creación dunha ruta do modernismo. No caso dos distritos --para os que se contemplaba un máximo de 2 millóns de euros, distribuídos equitativamente entre os dos dez distritos propostos polo Mapa de Distritos, co obxectivo de redistribuír os recursos municipais entre todo o termo municipal--, a veciñanza escolleu 41 propostas por valor de 1.993.2676 €, de xeito que, como especificou Delso, "o goberno local levará no seu proxecto de Presupostos municipais as propostas escollidas en todos e cada un dos dez distritos". "Nalgúns casos, hai unha única iniciativa gañadora, pero noutros até cinco", engadiu. Entre as escollidas pola veciñanza cos seus votos, destacan especialmente as que se refiren "á aposta pola recuperación do espazo público para a cidadanía, para que este sexa máis amable coa mobilidade peonil e paseable, con creación de estancias para o encontro ou a plantación de arborado".
Todas as propostas resultantes, co seu orzamento respectivo e votos acadados, poden consultarse na plataforma web www.aportaaberta.coruna.es --que sustentou todo o proxecto--, e na que se poden consultar tamén o estado de execución das 21 propostas escollidas pola veciñanza no proceso de Orzamentos Participativos do ano pasado. Tal e como lembrou a concelleira, "este último trimestre do ano a execución dos investimentos será moi alta, e a próxima semana darase a coñecer outra das propostas finalizadas".
Resumo dos resultados - Orzamentos participativos 2017 (153 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible