Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xuño de 2017

O proxecto 'Praia Viva', para acadar o 'Obxectivo Residuo Cero', ampliarase este ano a Riazor, e Oza terá unha zona de estancia accesible para persoas con mobilidade reducida

O Concello presenta o dispositivo ambiental e de limpeza para San Xoán, e chama a cidadanía "á corresponsabilidade para minimizar o impacto da celebración sobre a contorna"

A edil de Medio Ambiente, María García, lembra que se instalarán contedores na proximidade dos accesos ás praias “para facilitar a retirada dos residuos dos areais”, cuxa limpeza comezará ás 06.30 horas

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá o dispositivo especial de sensibilización e limpeza San Xoán Sostible, que o Goberno local despregará os días 23 e 24 de xuño co gallo da celebración da festividade de San Xoán. "Sabemos que é unha festa que forma parte da nosa identidade e que nos enche de orgullo, pero tamén sabemos que é unha data que supón un grande impacto ambiental pola afluencia de xente, produción de residuos e uso do lume, unha mistura que tamén supón un reto para os servizos municipais", afirmou a edil, quen engadiu: "este Goberno cree firmemente que podemos gozar da festa e ao tempo coidar da cidade, por iso desde 2015 implantamos medidas de prevención para acadar unha celebración máis sustentable e de maior calidade para todas e todos". Así, e de cara a este ano 2017, o Goberno local ampliará as medidas do dispositivo ambiental, tanto no número de efectivos como de iniciativas vinculadas ao mesmo,

Este ano, por mor das mareas vivas, e ante a posibilidade que o mar chegue até o muro do Paseo Marítimo, os contedores situaranse sobre o mesmo. En total, haberá 15 grandes illas de recollida de residuos facilmente identificables, que estarán sinalizados con bandeirolas e lonas, situados na proximidade da entrada dos areais. No caso de Riazor e Orzán, localizaranse 11 destas infraestruturas. "Nestas illas concentraranse a batería de contedores. Este ano é máis necesario que nunca que a cidadanía deposite os seus residuos nestes espazos para evitar que cheguen ao mar", afirmou García. Para facilitar a separación do lixo en orixe, o Concello situará, nestes 15 puntos, contedores de gran capacidade que estarán acompañados por 15 colectores específicos de vidro. "Este ano contaremos de novo coa colaboración de Ecovidro, que sorteará centos de premios entre as persoas que non baixen o vidro aos areais e o depositen no seu sitio, e tamén de Gadisa e Vegalsa, que repartirán estes días bolsas de papel, no lugar de plástico, para minimizar a posible chegada de plástico ao mar", engadiu a concelleira, quen avanzou que o dispositivo especial de San Xoán Sostible tamén implicará a instalación de medio cento de colectores nos pasos peonís do Paseo.As áreas de contedores serán tamén a referencia no reparto da leña sen tratar con produtos químicos, da que se ofrecerán 150 toneladas á cidadanía para facer as súas cacharelas desde as 19.00 horas. Ademais, xunto a estas illas, tamén se situarán os WC portátiles, que se sumarán aos baños de Riazor que se habilitarán durante a noite e aos que se instalen xunto a Coiraza. Entre as principais novidades do dispositivo ambiental desta edición atópase a ampliación da superficie do proxecto piloto Praia viva, que se desenvolveu o ano pasado no Matadoiro co obxectivo de acadar o Residuo Cero e que se realizará tamén este ano en Riazor. "Durante San Xoán Sostible haberá máis de 60 persoas vinculadas á facilitar información aos grupos que se atopen nos areais sobre a xestión de residuos, para que se minimice o uso de plástico e que este se recolla ao final da noite", explicou García, "das que 10 desenvolverán actividades específicas de dinamización nun espazo sinalizado en Riazor". A concelleira tamén destacou que este ano, por primeira vez, habilitarase nos areais zona accesible para persoas con mobilidade reducida, "para que, quen queira, poida celebrar o San Xoán na praia". "Por mor das mareas esta zona de estancia habilitarase en Oza, pero o obxectivo do Concello é que o ano que vén tamén se poida ampliar a Riazor", avanzou a edil.

A responsable municipal destacou que, dentro deste dispositivo especial, o Concello "reforzou a formación ambiental para o persoal que forma parte do dispositivo de seguridade, de xeito que poidan solventar todas as dúbidas da veciñanza e convidala a formar parte desta celebración dun xeito máis sustentable, evitando por exemplo o uso de voluminosos e materiais químicos que produzan fumes tóxicos, ademais de palés que poidan deixar parafusos ou outros elementos na area". A este respecto, a titular da área de Medio Ambiente sinalou que haberá persoal que impida a baixada destes materiais a praia", á vez que se establecerá un retén de limpeza ao longo de toda a noite no Paseo "para asegurar o depósito dos residuos no lugar axeitado".

Dispositivo de limpeza

Ás 03.00 horas do día 24 procederase ao desaloxo das praias de Orzán e Riazor para que, unha vez rematen as mareas vivas, se poidan iniciar as tarefas de limpeza desde as 06.30 horas. "Por seguridade tanto do persoal traballador como de todas aquelas persoas que se atopan nas praias, e para evitar calquera tipo de risco durante o desaloxo as máquinas entrarán nos areais, unha vez finalicen as mareas vivas, para proceder á limpeza e recollida de residuos", explicou García, quen incidiu "na necesaria e indispensable colaboración cidadá para minimizar o impacto da celebración no mar". Neste dispositivo participarán 140 persoas, que se dividirán en dous reténs para axilizar as labores de limpeza. O primeiro grupo iniciará os traballos tanto no Paseo Marítimo como no areal de Riazor para continuar posteriormente no Orzán e Matadoiro. Neste continxente participarán 105 persoas que contarán con 9 tractores, 3 camións con gancho, 3 palas mixtas, 2 camións recolectores, 1 furgón, 8 barredoras, 3 baldeadoras, 3 alxibes e 1 vehículo 4x4. No resto de praias, un equipo de 23 persoas contará con 2 tractores, 1 alxibe, 1 camión recolector, 1 vehículo 4x4 e 4 furgóns. Unha vez rematen os labores de limpeza nas praias, os medios concentraranse no Orzán, co obxectivo de finalizar a tarefa o antes posible e, desde modo, habilitar de novo o uso da praia á veciñanza.

Reténs nas zonas rurais

A responsable municipal destacou durante a presentación do dispositivo que, ademais do especial foco de atención nas praias, o Goberno local "tamén seguirá en todo momento o que aconteza noutras zonas da cidade. "Dadas as particulares condicións de calor e de seca dos últimos días, establecerase un dispositivo especial que atenderá aos núcleos rurais do termo municipal". Serán catro reténs de bombeiros os que se situarán na Zapateira-Feáns, Bens-Rosales-Visma, Elviña-Eirís, e a Torre de Hércules e a súa contorna natural, "espazo no que non se permitirá ningún tipo de lume, nin tan sequera no merendeiro das Lapas".  A este respecto, a concelleira lembrou que todas aquelas persoas que queiran facer cacharelas alén dos areais, deberán comunicalo con anterioridade ao Concello e seguir as indicacións establecidas polo mesmo, "tal e como sinala o Bando Municipal emitido a semana pasada".

Sensibilización nos barrios

Por outra banda, a concelleira presentou as actividades que se están a desenvolver estes días, dentro do programa de sensibilización ambiental Móllate!, "O Goberno local ten como obxectivo acadar unha celebración máis sustentable a través tanto da prevención como da concienciación da cidadanía, en especial cos grupos de idade que adoitan festexar o San Xoán nas praias", sinalou a concelleira, quen lembrou que as propostas que se realizan deste esta iniciativa "son deseñadas e executadas precisamente por mozas e mozos da Coruña". Así, ademais das distintas actuacións que se están a desenvolver neste mes de xuño, como a Peixería do 2050, ou a plastificación de monumentos, --que fan referencia á previsión de superioridade da masa de plástico que de peixe no mar de cara a 2050--, esta semana unha furgoneta percorrerá distintos barrios da cidade para achegar esta campaña de sensibilización así como unha serie de recomendacións e boas prácticas ambientais para "gozar da noite de festexos sen renunciar ao coidado do patrimonio de toda a veciñanza".  Ademais, o próximo xoves, día 22, celebrarase ás 20.00 horas unha acción de concienciación con profesionais do surf na zona da Fonte dos Surfistas, e do día 25 realizarase unha acción de limpeza na praia. O punto de encontro para esta actividade, que comezará ás 11.00 horas, será a coiraza do Paseo Marítimo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión