Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de setembro de 2015

O Concello presentará as novas políticas de Participación e o primeiro proceso, "A Porta aberta", que se abrirá á cidadanía nun acto público, o xoves, no Teatro Rosalía Castro

"Actívase unha reflexión moi importante sobre como queremos organizarnos e prepárase o terreo para unha participación efectiva", salienta a concelleira Claudia Delso, quen lembra que "na cidade non ten ocorrido nada similar".



A Concellería de Participación e Innovación Democrática presentará este xoves, ás 19.30 horas, no Teatro Rosalía Castro, as políticas en materia de participación que porá en marcha o Goberno municipal, nun acto que está aberto á cidadanía e ao que tamén están convidados todos os grupos da corporación municipal e distintas entidades. Na presentación, na que intervirán xunto coa concelleira de Participación, Claudia Delso, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, daranse a coñecer os procesos participativos que o Concello abrirá á cidadanía. “Presentaremos 'A Porta Aberta', que é o nome dos moitos procesos que se activarán na cidade, unha porta que se abre para quedar aberta”, expón Delso, quen adianta que o primeiro deses procesos terá que ver coa organización da cidade en distritos, “órganos territoriais de participación de especial relevancia e que serán fundamentais cara aos Orzamentos Participativos”.

Na súa primeira fase, que comeza o próximo día 22 e durará ata o mes de decembro, a concellería levará a cabo 27 xuntanzas abertas á xente por toda a cidade e desenvolverá tamén encontros on-line. “Trátase de que a cidadanía entre na política municipal e comece a ser corresponsable, de decidir de forma colectiva”, salienta a concelleira, quen destaca do proceso sobre distritos a reflexión “moi importante que supón a nivel territorial, a nivel de como queremos organizarnos”. “Prepárase o terreo para unha participación efectiva”, apunta.  Delso valora tamén a metodoloxía e a reflexión que supoñen estes novos mecanismos. “Nada similar ten ocorrido na cidade”, subliña, e incide no traballo conxunto da súa concellería coa de Rexeneración Urbana, o departamento de Innovación Tecnolóxica municipal e o Observatorio Urbano neste eido.

Por outra banda, a responsable municipal de Participación intervén na xornada deste martes na Rede Española de Cidades Intelixentes, Reci, que se desenvolve en Logroño, e que serve como primeira toma de contacto despois dos cambios das últimas eleccións municipais. A Coruña participa nesta reunión como coordinadora do grupo de traballo de Innovación Social, que aborda materias como a transparencia, a goberno aberto ou o “open data”, un traballo que, segundo informa a concelleira, seguirase a desenvolver nesta nova etapa e ao que poderán incorporarse novas cidades.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión