Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de outubro de 2025

O Concello propón a creación dunha comisión semestral de seguimento das obras do Novo Chuac

O obxectivo é poder verificar o cumprimento dos novos prazos de execución das obras comprometidos hoxe pola Xunta de Galicia

O Concello e a Xunta mantuvieron esta tarde unha reunión da comisión de seguimento dos traballos de construción do Novo Chuac. Por parte do Goberno municipal, presidiu a delegación o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, mentres que pola administración autonómica participaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

No encontro déronse conta das diferentes fases de actuación previstas nesta infraestrutura sanitaria cuxo orzamento supera os 400 millóns de euros, dos cales o Concello ten comprometidos 22 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta comprometeu novos prazos de execución do Novo Chuac e fixou como ano de finalización das obras da segunda fase o 2031.

José Manuel Lage propuxo no encontro a necesidade de establecer comisións de seguimento semestrais co obxectivo de que o Concello poida verificar o cumprimento dos novos prazos de execución das obras dados hoxe. "Desde o Goberno de Inés Rey amosamos a nosa vontade de cooperación coa Xunta de Galicia para que os novos prazos de execución se cumpran e estaremos vixiantes para que así sexa, xa que o Novo Chuac é un proxecto estratéxico para a cidade", indicou o concelleiro.

José Manuel Lage puxo como exemplos da cooperación coa entidade autonómica a fase 0 da transformación da fachada marítima, a obra de reurbanización dos Cantóns, ou o proxecto de Coruña Marítima, en marcha nestes momentos. "O Goberno de Inés Rey vai defender os intereses dos coruñeses e das coruñesas que teñen moito interese en que esta infraestrutura clave estea rematada o antes posible", indicou Lage.

Na comisión de seguimento realizada esta tarde participaron tamén por parte do Concello a directora de área de Alcaldía, Emma Cid, a directora de área de Planificación Estratéxica, Sagrario Ron, e o director de área de Infraestruturas, Fernando Martínez. Por parte da Xunta de Galicia, tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a directora xeral de Recursos Económicos, Amparo Pousada, e o director de Recursos Económicos da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Emilio Camino.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión