24 de maio de 2026
Ata 32 alumnos e alumnas de centros da cidade pasarán un mes na localidade de Kilkenny (Irlanda) convivindo cunha familia e participando en actividades educativas para mellorar o seu inglés
O Concello vén de publicar as listas definitivas de estudantes de 1º de Bacharelato seleccionados para participar este verán no programa Idiomas do Mundo 2026, un curso de inmersión lingüística que se desenvolverá do 26 de xullo ao 23 de agosto na localidade irlandesa de Kilkenny.
Alí, 32 alumnos e alumnas de centros docentes da cidade convivirán cunha familia irlandesa, asistirán a unha escola de idiomas e participarán ademais en diferentes actividades culturais e lúdicas.
"Idiomas do Mundo, un programa co que o Goberno local demostrou, un ano máis, o seu compromiso, promove que o alumnado participe nunha acción intercultural e aumente a conciencia e comprensión doutras realidades e países. Mais tamén é unha experiencia que contribúe á educación das persoas participantes en valores fundamentais como a diversidade e a igualdade", valorou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Desde o momento da súa publicación na web do Concello ábrese un prazo de dez días hábiles -ata o 3 de xuño- para que a confirmación da aceptación da praza. En caso de renuncia, poderase incorporar ao programa o alumnado que forma parte da lista de espera.
Entre os requisitos esixidos para poder participar figura o estar matriculado e cursar 1º de bacharelato nun centro escolar da Coruña no curso 2025-2026, contar no curso de 4º da ESO cunha cualificación media de 6 ou máis e non ter ningunha materia suspensa, e contar no curso de 4º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.
O programa Idiomas do Mundo está integramente financiado polo Concello e conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros. O Concello asume entre a totalidade e o 65 por cento do custo das prazas, en función dos ingresos das familias. Segundo a baremación definitiva, serán 21 as prazas totalmente financiadas este ano, asumindo os gastos de desprazamento, a estancia en Irlanda durante un mes do alumnado seleccionado, as actividades escolares e extraescolares durante ese período, así como o custo dos profenais que acompañarán durante todo ese mes as persoas seleccionadas, alén do seguro para calquera eventual incidencia durante o programa.
A iniciativa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do idioma inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, e obterase ademais un certificado oficial do nivel alcanzado segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible