Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de maio de 2020

O concello recibiu un total de 748 peticións de material educativo desde a posta en marcha do dispositivo “Ninguén atrás”

Un equipo de voluntarias e voluntarios municipais leváronlles esta semana os deberes á casa a máis de 300 escolares

O concello recibiu un total de 748 peticións de material educativo a través do programa "Ninguén atrás" desde que se iniciou o pasado 22 abril. O dispositivo, posto en marcha polas concellerías de Educación e Benestar Social en colaboración coa dirección dos centros educativos, garante que as nenas e nenos que carecen de recursos dixitais poidan acceder aos seus materiais educativos e finalizar o curso. Esta cifra, indican desde Benestar Social, inclúe alumnado de primaria, bacharelato, ESO e FP.  

A alcaldesa, Inés Rey, lembra que o Goberno local puxo en marcha este programa para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación. "A nosa intención é que ningunha nena, neno ou adolescente quede atrás por non dispoñer de recursos tecnolóxicos suficientes para finalizar o curso", explica.   

As e os voluntarios reciben as tarefas que prepara o persoal docente de cada centro para llelo levar impreso ás nenas e aos nenos aos seus domicilios. O profesorado envía o material correspondente en formato PDF e o persoal municipal fotocopia as tarefas que se reparten o mércores.  

O repartimento iniciouse o pasado mércores día 22. Dúas voluntarias municipais repartíronlles a 69 nenas e nenos do CEIP Rosalía de Castro o material que preparou o persoal docente para que o alumnado que necesita un reforzo educativo non quede descolgado por falta de recursos. Ademais, o pasado venres 24, persoal traballador e voluntariado tanto municipal como de Protección Civil repartíronlles material a 14 escolares do barrio das Rañas, onde tamén lles entregaron alimentos ás familias.  Por último, un grupo de 22 voluntarias/os municipais leváronlles onte os deberes a máis de 300 escolares.  

O equipo, explican desde a Concellería de Benestar, non só atende as solicitudes que reciben a través da liña telefónica 981 184 294, que está ao dispor das familias para que lles trasladen as súas demandas, senón tamén aquelas peticións do profesorado que, preocupado pola situación na que se encontra o alumnado máis vulnerable, pide que lles entreguen os deberes. Neste sentido, o Colexio Cid solicitou que se lles repartise material específico a 74 escolares dos cursos de primaria e secundaria (cadernos de traballo) que recolleron no centro 6 voluntarios en motos.  

Os centros que están a participar son: Rosalía de Castro, Sagrada Familia, Eusebio da Guarda, Curros Enríquez, Grande Obra de Atocha, Sanjurjo de Carricarte, Víctor López Seoane, Salesianos, Labaca, Fogar de Santa Margarida, Calazanz-Escolapios, Emilia Pardo Bazán, Prácticas, Colexio Cid, María Barbeito, San Pedro de Visma, Alborada, María Pita, Ramón de la Sagra, Salgado Torres, San Francisco Javier, Concepción Arenal, Raquel Camacho, Sal Lence, Anxo da Garda e Hijas del Sagrado Corazón de Jesús, Wenceslao Fernández Flórez e Manuel Murguía  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión