Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de decembro de 2025

O Concello recorda cunha placa a José Antonio López e Pilar Castro, vítimas dun accidente de tráfico na avenida de Fisterra hai cinco anos

Este ano completouse a remodelación do cruzamento entre a avenida e a rúa Gutemberg, onde se construíu unha nova rotonda para suprimir o punto negro onde tivo lugar o sinistro

A lembranza de José Antonio López e Pilar Castro, o matrimonio coruñés que perdeu a vida nun accidente de tráfico rexistrado na avenida de Fisterra hai case cinco anos, xa é visible na nova rotonda habilitada no cruzamento coa rúa Gutemberg, onde o Concello instalou un monólito cos nomes das dúas vítimas do sinistro, para honrar a súa memoria.

O acto de descubrimento do monólito tivo lugar hoxe ao mediodía, a carón da glorieta, coa presenza de familiares e achegados de Toño e Pilar. A alcaldesa, Inés Rey, estivo acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. "Non haberá homenaxe que repare a perda de José Antonio e Pilar. Ogallá isto nunca tivese pasado, e ogallá isto xamais se repita. Hoxe honramos a súa memoria, mais tamén lembramos a importancia de que a sociedade avance poñendo ás persoas no centro de todo. Debemos seguir traballando para que os lugares onde vivimos estén adaptados e pensados para o benestar e a seguridade das persoas", dixo a rexedora.

Fíxoo apuntando a necesidade de que "haxa un compromiso de todas e de todos, tanto das administracións públicas á hora de transformar os espazos públicos como da cidadanía no seu conxunto, para concienciarnos de que as medidas de seguridade viaria e o sentido común ao volante salvan moitas vidas".

Ao acto deste martes, no que se gardou un minuto de silencio en lembranza do matrimonio falecido na Noiteboa do ano 2020, tamén asistiu a delegada da asociación STOP Accidentes, Jeanne Picard.

Reconfiguración dos cruzamentos coa avenida de Fisterra

Anteriormente, nas interseccións da avenida de Fisterra coas rúas Gambrinus e Gutemberg existían dous carrís para acceder ao polígono de Agrela e volver á cidade.

A nova rotonda habilitada no cruzamento entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutemberg permitiu reconfigurar este antigo punto negro de tráfico rodado e mellorar a circulación e a mobilidade; contribuirá tamén a calmar o tránsito e a velocidade dos vehículos que pasan pola avenida, unha das principais portas de acceso e saída da cidade, tamén un percorrido habitual de cargas pesadas ao conectar coa contorna dos polígonos industriais.

Neste sentido, o Concello actuou ao longo dos dous últimos anos para crear dúas novas rotondas na recta da avenida de Fisterra: a primeira en habilitarse, no cruzamento coa rúa Gambrinus; e a segunda, esta última, no cruzamento con Gutemberg.

É precisamente nesta glorieta, punto no que se rexistrou o sinistro que supuxo o adeus de José Antonio López e Pilar Castro, onde se instalou o monólito que os recorda a ambos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión