Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2024

O Concello remodelará e ampliará a área de xogos infantís do CEIP San Francisco Javier

O Goberno de Inés Rey acometerá as obras na parada lectiva do verán, para non obstaculizar a actividade educativa nos vindeiros meses e co obxectivo de reabrir a superficie na antesala do curso 2024-25

O Concello da Coruña acometerá no vindeiro verán os traballos de remodelación e ampliación da área de xogos infantís do CEIP San Francisco Javier, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha solicitude do centro educativo coruñés, situado no barrio da Cubela.

Neste sentido, o plan de obra que inclúe as actuacións previstas xa está definido. Actualmente, o parque infantil do colexio está distribuído en seis parcelas individuais con firme de caucho, de tamaños diversos. Coa reconfiguración formulada polo Concello, a área de xogos infantís pasará a estar totalmente unificada, ampliando as súas dimensións.

Disporase un novo firme de caucho con diversas tonalidades de cor vermello, ocre, azul cian e azul mariño. E, xa sobre o pavimento, instalarase unha nova estrutura multixogo con capacidade para 14 persoas usuarias e adaptada a nenas e nenos en idade de catro anos en diante. Esta estrutura inclúe, por exemplo, un gran tobogán e tamén randeeiras.

Ademais, tamén está previsto restaurar e acondicionar outros seis xogos xa existentes na superficie actual: un pequeno tobogán, bambáns individuais e balancíns con capacidade para varias persoas usuarias, que serán devoltos á área de xogos infantís unha vez completada a revisión e mellora das súas pezas.

Os traballos executaranse durante a parada lectiva da tempada estival, para non interferir no desenvolvemento das actividades educativas e co obxectivo de que a nova área de xogos infantís esté rematada para o inicio do curso 2024-25.

Máis dun millón de euros en investimentos nos centros educativos

Os orzamentos aprobados polo Concello para este ano 2024 inclúen diversas partidas para novos investimentos nos centros educativos da Coruña. O Goberno de Inés Rey ten previsto acometer actuacións por valor de máis dun millón de euros en obras de mellora, reforma e acondicionamento nas instalacións das Escolas Infantís Municipais, colexios e centros de educación especial, entre outros.

A esta cifra súmanse, ademais, os fondos específicos xa consignados para a renovación da EIM de Monte Alto, no contexto das obras de rehabilitación do mercado municipal. A intervención permitirá proxectar a instalación da escola infantil nunha soa planta, completándose cun patio exterior, lindeiro á praza do nivel superior do mercado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión