11 de marzo de 2026
A actuación permitirá modernizar as instalacións mediante aerotermia e adaptalas á elevada demanda de uso desta infraestrutura deportiva municipal
O Concello da Coruña iniciará nos vindeiros días as obras de renovación da instalación de fontanería e do sistema de auga quente sanitaria (ACS) nos vestiarios das Instalacións Deportivas Municipais Víctor Fernández Alonso, coñecidas como o campo da Leyma. O obxectivo desta intervención é modernizar as infraestruturas existentes e garantir un servizo adecuado ás persoas usuarias dun dos campos con maior actividade deportiva da cidade.
A actuación conta cun investimento de 245.014,46 euros e permitirá substituír a rede de fontanería actual e renovar o sistema de produción de auga quente, incorporando tecnoloxía de aerotermia que optimizará o consumo enerxético.
Construídas en 1992, as instalacións experimentaron ao longo dos anos un notable incremento do seu uso debido á actividade diaria de clubs e equipos que empregan o campo e os seus vestiarios.
Cómpre lembrar que o Concello completou recentemente unha actuación de mellora no propio campo da Leyma, cun investimento de 430.000 euros, que permitiu renovar o céspede artificial, substituír as porterías e as marquesiñas dos bancos e mellorar o peche perimetral da instalación.
O proxecto contempla unha intervención integral que inclúe a substitución das tubaxes de alimentación do edificio de vestiarios, a renovación da rede interior de distribución de auga fría e quente e a instalación dun novo sistema de produción de ACS máis eficiente e sostible. Ademais, habilitarase unha nova sala técnica adaptada aos novos equipos e executaranse actuacións complementarias nos acabados e na instalación eléctrica para garantir o correcto funcionamento do sistema.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia da actuación para mellorar o servizo nunha infraestrutura con intensa actividade ao longo de toda a semana. "É un campo con moitísimo uso por parte de clubs e equipos de base", explicou. "Esta obra permitirá modernizar os vestiarios e adaptalos á demanda actual con sistemas máis eficientes desde o punto de vista enerxético".
O edil salientou que esta intervención forma parte da estratexia municipal para actualizar progresivamente as infraestruturas deportivas da cidade e avanzou que o Concello actuará tamén proximamente nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre.
O Concello continuará mellorando as instalacións deportivas municipais, conscientes do papel fundamental que estes espazos desempeñan na práctica do deporte base e na vida social dos barrios da cidade, unha liña de traballo impulsada polo Goberno de Inés Rey para adaptar estas infraestruturas ás necesidades actuais da cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible