22 de agosto de 2026
A actuación permitiu renovar 356 metros cadrados de pavimento deteriorado cun material especialmente adaptado a zonas de recreo e de uso intensivo
O Concello da Coruña vén de completar unha nova actuación de mellora no CEIP Emilia Pardo Bazán, no barrio dos Rosales, coa renovación de parte do pavimento do patio exterior do centro e a instalación de céspede artificial antiestático.
Os traballos abrangueron unha superficie de 356 metros cadrados e permitiron substituír parte do antigo pavimento de caucho, que presentaba signos de deterioro, por unha nova superficie de céspede artificial adaptada ao uso diario do alumnado.
O material instalado incorpora fíos de carbono que favorecen a disipación da electricidade estática, unha característica especialmente indicada para áreas de recreo e espazos de alta concorrencia. A nova superficie tamén conta con capacidade de drenaxe e resistencia á exposición aos raios ultravioleta, condicións que favorecen a súa utilización en espazos exteriores sometidos a un uso continuado.
A intervención forma parte do plan de accións de mellora que o Goberno de Inés Rey está a desenvolver durante o verán nos centros educativos públicos da Coruña, aproveitando o período non lectivo para acometer traballos de conservación, renovación e modernización das instalacións.
"Seguimos aproveitando os meses de verán para atender as necesidades dos centros e mellorar os espazos que empregan a diario as nenas e nenos da Coruña. Son actuacións que permiten chegar ao inicio do curso con instalacións renovadas, máis funcionais e adaptadas ao uso da comunidade educativa", sinalou a alcaldesa, Inés Rey.
O Concello ten previsto executar ata o inicio do curso preto de medio cento de actuacións de mellora en 25 colexios e escolas infantís municipais, cun investimento global de 720.000 euros. Estas intervencións súmanse ás tarefas ordinarias de conservación e mantemento que se desenvolven ao longo de todo o ano. No que vai de 2026, o Concello atendeu máis dun milleiro de incidencias de mantemento nos distintos centros da cidade, cun investimento de case 1,5 millóns de euros.
Melloras nos CEIP
As actuacións previstas este verán abranguen centros de diferentes barrios da cidade e inclúen intervencións de diversa natureza, desde a renovación de patios e zonas de xogo ata reparacións de cubertas, melloras de accesibilidade ou actuacións destinadas a facilitar o mantemento das instalacións.
Entre elas figuran a renaturalización do patio infantil do CEIP María Barbeito e Cerviño, no Ventorrillo, e a renovación integral do parque infantil do CEIP Concepción Arenal.
No caso do CEIP Emilia Pardo Bazán, esta actuación dá continuidade ás melloras realizadas polo Concello no centro. En 2025, o Goberno municipal xa completara a substitución de todas as ventás do edificio destinado a actividades extraescolares do colexio.
O Concello continuará durante as próximas semanas co calendario de intervencións previsto para aproveitar o período estival e ter o maior número posible de actuacións rematadas antes da volta ás aulas.

14 de agosto de 2026

8 de xullo de 2026

25 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible