19 de febreiro de 2026
O consistorio aprobou hoxe tamén en Xunta de Goberno Local a compra de 800 contenedores de carga lateral
O Concello adxudicou un contrato para a subministración de 136.230 caldeiros domésticos aireados para a recollida de biorresiduos de 10 litros, de 272.460 tarxetas sen contacto de apertura electrónica de contedores, 408.690 bolsas compostables de uso doméstico para recoller a fracción orgánica e 136.230 embudes reutilizables para recoller aceite usado no domicilio, profundando así no empeño de mellorar os datos de recollida separada no marco do Plan municipal de xestión de residuos recentemente aprobado no Pleno. Esta segunda licitación, dividida por lotes, supoñerá un investimento final de 748.364 €, tamén financiados polos fondos europeos.
Ademais, aprobouse hoxe a adxudicación doutro contrato para mercar 800 contedores de carga lateral dunha capacidade superior aos 1.800 litros cada un. O investimento final foi de 1.716.536,25 €, financiados polo fondos europeos Next Generation -menos dos 2.348.077,60 € previstos inicialmente-. O contrato só prevía en orixe a compra de 650 contedores, pero a empresa adxudicataria comprometeuse a entregar, dentro do prazo establecido, 150 unidades adicionais sen custo para o Concello -e, ademais, cun desconto aplicado-.
"No Goberno tomámonos moi en serio a senda emprendida cara ao 2030 para mellorar substancialmente os datos de recollida separada de residuos. É algo innegociable para calquera cidade da modernidade e o tamaño da Coruña. Por iso é fundamental dotarnos do mellor material, para facer posible o cumprimento dos obxectivos comunitarios e facer deste un lugar mellor, máis verde", subliñou a alcaldesa Inés Rey.
Estudio de detalle para vivenda social
O executivo tamén levou á Xunta de Goberno a aprobación inicial do estudo de detalle dunha parcela baleira na rúa Emilio González López, no polígono dos Rosales, para edificar vivenda social. O terreo conta cunha superficie total de 1.230 m2, e o documento apunta que sería posible construír no espazo un edificio de ata oito plantas.
No estudo de detalle incorpóranse tamén as condicións estéticas e de composición, que cumpren coas determinacións do Plan xeral e a Lei do solo de Galicia, e que se remiten asemade á Guía de cor e materiais de Galicia, publicada pola Xunta.
"O Concello tivo sempre a mesma postura. Estamos coa xente e queremos que a vivenda volva ser un dereito e non un luxo. No que está na nosa man, sempre poremos facilidades administrativas para este tipo de proxectos que traian domicilios a prezos accesibles", apuntou a alcaldesa Inés Rey.
Postos baleiros na praza de Lugo
O Concello tamén sacou a licitación 28 postos baleiros no mercado Eusebio da Guarda, na praza de Lugo. As adxudicacións serán por un período inicial de 15 anos, cunha posibilidade de prórroga (de haber mutuo acordo das partes) doutros 10 anos. As ofertas deberán presentarse a través da plataforma de contratación, conforme aos requisitos técnicos establecidos. O prazo de presentación de proposicións establécese en 30 días hábiles, que contarán a partir do día seguinte ao de publicarse a presente licitación no BOP da Coruña.
Os lotes dispoñibles inclúen 4 locais exteriores, 11 postos na planta baixa (incluíndo 10 de peixería), 6 postos na primeira planta e 7 postos na segunda planta, e os prezos mensuais de saída dos postos oscila entre os 18,39 € do máis barato e os 210,70 € do máis caro. Como en todos os concursos valorarase a contía ofertada polos particulares. Na actualidade, o mercado da praza de Lugo ten cerca de 190 postos.
"O interese municipal con estas licitacións é darlle un impulso ao mercado e á actividade comercial coa apertura de novas instalacións; xerar emprego nunha contorna adaptada aos novos tempos; e fomentar o consumo de produto fresco, ecolóxico e de proximidade, así como outros produtos de interese para a cidadanía", subliñou Inés Rey.
Convenios de EMALCSA
A Fundación Emalcsa sacou adiante na Xunta de Goberno dous convenios nominativos para financiar proxectos de interese social. O primeiro, por un importe de 10.000 euros, coa Fundación María José Jove para o programa Invictus, unha iniciativa de saúde social para mocidade de entre 18 e 25 anos en situación de illamento e exclusión que busca achegar unha alternativa de participación social que conecte os mozos e mozas e a súa área de influencia con grupos de iguais e reduza as posibilidades de situarse nunha franxa de pobreza.
Tamén se aprobou unha segunda achega de Emalcsa de 46.975 euros destinada ao Proxecto Norte e Pares, que busca "deseñar, promover e realizar, de forma directa ou concertada, programas de integración social, prestacións sociais, promoción económica e fomento do emprego e todas aquelas actividades de colaboración e apoio ás funcións que o Concello da Coruña leve a cabo, ou teña previsto desenvolver no futuro, no marco da súa política social, de asistencia social", segundo indica o propio texto do convenio.
Becas Norteamérica
O concello prorrogou o servizo da empresa organizadora do programa municipal Bolsas Norteamérica, que xa lles permitiu a centos de nenos e nenas da cidade estudar no estranxeiro e potenciar a aprendizaxe doutros idiomas nunha contorna educativa e culturalmente diversa e enriquecedora. O actual contrato remataba en xuño de 2026, polo que se decidiu a súa extensión para cubrir tamén o curso 2026-2027, garantindo, polo menos, 25 bolsas para o alumnado solicitante.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible