Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xaneiro de 2024

O Concello repartirá máis de 30 premios nos concursos de comparsas, carrozas e choqueiros do Entroido

As bases de todas as modalidades xa están dispoñibles na páxina web municipal e a inscrición para participar nelas ábrese mañá

O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, abrirá mañá a inscrición nos diferentes concursos do Entroido 2024. As bases para participar nos certames de comparsas, carrozas e choqueiros xa están dispoñibles na páxina web municipal para as persoas interesadas. Repartiranse máis de 30 premios en total, cun importe máximo de 20.000 euros.

Os concursos abranguen a competición de comparsas (en dúas modalidades: música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade); a de carrozas; o concurso infantil de disfraces (en dúas modalidades: individual; e en grupo); e o concurso de choqueiras e choqueiros, que tamén se desenvolverá baixo un dobre formato, ideado tanto para adultos como en categoría infantil. O prazo de presentación de solicitudes de participación, no caso dos concursos de comparsas e carrozas, é de dez días naturais, que se contarán a partir deste sábado 13 de xaneiro.

O Goberno de Inés Rey busca potenciar coa celebración do Entroido as tradicións locais, impulsando unhas das citas máis relevantes do calendario festivo coruñés e organizando diversas actividades para eses días.

Concursos de comparsas e carrozas

Por unha banda, as bases para as dúas modalidades do concurso de comparsas (música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade) establecen que poderán formar parte del aquelas persoas ou entidades, con agrupacións dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, que efectúen previamente a súa inscrición mediante o envío dun correo electrónico a entroido.imce@coruna.es, ou mediante a súa presentación nas oficinas do IMCE (Avenida da Mariña, 18).

O concurso resolverase nun festival que se realizará a primeira fin de semana de febreiro e será anunciado nas vindeiras semanas. O venres 9 (21.00 horas), a comparsa gañadora terá que interpretar dúas cancións do concurso no acto de entronización do Deus Momo que terá lugar no Obelisco.

No caso do concurso de carrozas, o procedemento ábrese ás persoas e entidades que, tras efectuar o procedemento indicado anteriormente, se comprometan a construír unha carroza e a asistir con ela ao desfile de carrozas e comparsas que percorrerá o Cantón Pequeno, ata a praza de María Pita, o sábado 10 de febreiro, a partir das 17.30 horas.

O Concello establecerá un mínimo de cinco premios en metálico para as modalidades de comparsas na categoría de vestiario, coreografía e orixinalidade, e carrozas. Os premios oscilan entre os 500 e 1.500 euros en función do posto final, ademais de premios á orixinalidade e accésits. Por outra banda, na modalidade de música e baile haberá tres premios de 1.600, 1.250 e 800 euros para as tres primeiras comparsas.

Os concursos infantís de disfraces e de choqueiros

No caso do concurso infantil de disfraces de Entroido, poderanse presentar todas as nenas e nenos que se inscriban o mesmo día da celebración (martes 13 de febreiro, desde as 17.00 horas, no Campo da Leña). A localización prevista é susceptible de variacións en función das condicións meteorolóxicas, e sería notificada, en tal caso, a través das canles oficiais do Concello.

No concurso infantil de disfraces, con dúas modalidades (individual; e en grupo) poderán participar as nenas e nenos nados despois do 31 de decembro de 2011. Poderase participar nunha única modalidade.

Os premios, con tres gañadores tanto na modalidade individual como na grupal, oscilarán entre os 50 e 150 euros, valedeiros para lotes de libros de literatura infantil.

Estas bases son idénticas ás que se formulan para o concurso infantil de choqueiras e choqueiros, que tamén se levarán baixo modalidade individual e grupal, e co mesmo balance de premios ás nenas e nenos gañadores.

O concurso de choqueiros da rúa da Torre

Por último, tamén se publicaron as bases para participar no tradicional concurso de choqueiras e choqueiros, que se abrirá o mesmo día da celebración (martes 13 de febreiro, de 19.00 a 20.00 horas), no acceso principal á Escola Municipal de Música (Rúa da Torre, 67).

Será baixo dúas modalidades: individual e en grupo (máis de dúas persoas). Só se permitirá tomar parte nunha única modalidade. O concurso terá lugar nun escenario instalado na confluencia entre a rúa da Torre e a rúa Curros Enríquez, a partir das 20.00 horas. Se houbese variacións de localización por mor da situación meteorolóxica, tamén será notificada polo Concello previamente.

Poderán tomar parte neste concurso todas as persoas nadas antes do 31 de decembro de 2011. Os premios na modalidade individual oscilan entre os 150 e 500 euros; e entre 200 e 600 na modalidade grupal.

Documentos:

Bases para participar nos concursos do Entroido 2024 (279 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión