20 de maio de 2026
A actuación, que forma parte da primeira fase do Plan de barrios 2025-27, suporá un investimento de 287.000 euros
O Concello avanza para lle dar un novo pulo á primeira fase do Plan de barrios 2025-27, que proximamente sumará unha nova actuación de mellora na Cidade Vella.
Hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de restauración da praza de Santa Bárbara, unha intervención que conta con financiación estatal e que permitirá recuperar o lustre dun dos principais núcleos históricos da zona vella.
Os traballos contan cun investimento de 287.000 euros e inclúen un amplo abano de medidas para rehabilitar e conservar o conxunto da praza, "sempre baixo unha premisa clara: respectar e salvagardar o patrimonio deste enclave", indicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.
A previsión dos servizos municipais e levar a cabo a recuperación do pavimento histórico da praza acometendo a súa limpeza xeral e corrixindo deficiencias existentes nas lousas e cantos rodados; adaptar os alcorques do arboredo protexido á configuración do pavimento; recuperar a oitava árbore que existía no pasado na praza, coa plantación dun castiñeiro de Indias; executar melloras xerais na rede de saneamento; e soterrar as canalizacións eléctricas da iluminación pública, instalacións eléctricas aéreas e redes de telecomunicacións.
A partir da súa adxudicación, as obras executaranse nun prazo de cinco meses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible