Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de febreiro de 2018

O alcalde e o concelleiro de Rexeneración Urbana visitaron o barrio de Labañou e a súa contorna, onde o goberno local acometeu actuacións por valor de máis de 645.000 euros

O Concello reurbanizará a praza Almirante Romay para mellorar o espazo público e completar a súa aposta por unha conexión peonil entre San Roque de Fóra e a rede de equipamentos de Cidade Escolar e Tolerancia

Ademais das obras de renovación na rúa Archer Milton Huntington ou a nova área de xogos da praza da Tolerancia, xa rematadas, o Concello ten xa en fase de adxudicación as actuacións por valor de 1,5 millóns de euros que mellorarán o alumeado e a eficiecia enerxética de zonas de Ciudade Escolar, Labañou, Os Rosais, Peruleiro e Riazor

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, supervisou esta semana as obras que o goberno local acometeu nos últimos tempos en Labañou e Cidade Escolar, así como visitou os espazos onde está previsto que o executivo acometa novas actuacións neste exercicio, co obxectivo de mellorar o espazo público, corrixir desigualdades históricas reivindicadas pola veciñanza e favorecer o tránsito peonil seguro e accesible. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, quen acompañou ao rexedor no seu percorrido, salientou que no que vai de mandato, o Concello acometeu obras nestes espazos por máis de 645.000 euros.

Tanto alcalde como o edil visitaron as obras que se están a levar a cabo no polígono de Náutica, onde se acomete un proxecto urbanístico que o goberno local conseguiu desbloquear e onde a xunta de compensación do polígono realiza unha serie de actuacións que están a ser supervisadas polo Concello, de acordo coas peticións da veciñanza, e que consisten na urbanización da nova rúa que conecta a praza de Almirante Romay co paseo marítimo de San Roque de Fóra. Varela salientou que esta obra, que influirá na mellora do espazo público da contorna, verase completada coa reurbanización, por parte do Concello, da praza Almirante Romay, "cuxo proxecto se atopa en fase de redacción". Esta intervención servirá para prolongar a nova rúa aberta coa urbanización de Náutica, para conformar así un itinerario con condicións preferenciais para o tránsito peonil, que acabará por conectar San Roque de Fóra coa rede de equipamentos, prazas e espazos vexetais da Tolerancia e de Cidade Escolar.

Mellora do alumeado e eficiencia enerxética

A mellora dos equipamentos públicos no barrio completarase de forma moi significativa coas obras programadas de modernización de alumeado público e mellora da eficiencia enerxética que o executivo acometerá este ano nos barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosais, Peruleiro e contorna do estadio de Riazor. Estas obras, en trámite xa de adxudicación, teñen un investimento conxunto de máis de 1,5 millóns de euros e forman parte das actuacións comprendidas dentro dos Investimentos Financeiramente Sostibles (IFS) que o goberno local sacou adiante en Pleno a finais do pasado ano.

Varela salientou que estas actuacións crearán "un grande impacto na zona, conectando os espazos despexados do barrio" e sumaranse ás obras de gran calado acometidas o pasado ano na zona, como son a renovación e mellora de beirarrúas na rúa Archer Milton Huntington (en concreto, no lado correspondente ao colexio Calvo Sotelol) e que supuxo un investimento que sobrepasou os 254.000 euros. A renovación do pavimento comprendeu a ampliación dos 41 alcorques da zona, ademais dun lixeiro incremento do ancho da beirarrúa, así como diversas accións encamiñadas a mellorar a seguridade, por exemplo, reducindo a distancia dos cruces. A obra incorporou tamén accións de mellora dos servizos de subsolo.

Contornas escolares seguras e áreas de xogos

O representante municipal tamén puxo en valor a nova área de xogos da praza da Tolerancia, que se executou entre os meses de agosto e setembro do pasado ano e que naceu froito da colaboración directa, á hora do seu deseño, entre a veciñanza da zona (un grupo de nais) e o goberno local. "É unha actuación na liña das significativas renovacións que estamos a levar a cabo en distintos espazos infantís da cidade. A obra da Tolerancia consistiu nunha ampliación e relocalización da zona de xogos, diferenciando distintos espazos en función da idade das crianzas, incorporando espazo verde e naturalizando o material das estruturas", recordou Varela, quen engadiu que a actuación completouse coa creación dun espazo de reunión e descanso para as persoas coidadoras. O investimento, neste caso, foi de 156.000 euros.

Ás obras abordadas no que vai de mandato barrios de Labañou e Cidade Escolar sumáronse, entre outras, actuacións como a ampliación da parada de autobús ao IES Rafael Dieste (dentro do programa de intervencións para a mellora da contorna dos accesos dos centros escolares), por 10.000 euros; a mellora da rede de pluviais nas rúas Pintor Francisco Lloréns e Cultura (46.000 euros); a substitución do colector de fecais en Julio Rodríguez Yordi (42.000 euros); a renovación de beirarrúas e alcorques en Manuel Murguía, no treito entre a Normal e o pavillón deportivo (31.000 euros); a mellora da accesibilidade e ampliación da parada no Paseo de Ronda, á altura dos IES Salvador de Madariaga (89.000 euros) ou a renovación do pavimento de calzada na intersección das rúas Francisco Rodriguez Otero e Fogar Calvo Sotelo, por 16.000 euros.

Vivendas do Carme

Por último, o concelleiro Varela indicou que está previsto que o Concello acometa tamén, e dentro das actuacións para a mellora da seguridade nos equipamentos escolares, a ampliación da beirarrúa do acceso ao IES Rafael Dieste (proseguindo coas melloras acometidas o pasado ano na contorna deste centro), para facer accesible o percorrido que transcorre pola glorieta do Pavo Real.

"Outra das actuacións proxectadas, moi demandada pola cidadanía, terá lugar no grupo de vivendas de Nosa Señora do Carme. Cun orzamento de preto de 68.000 euros, comprende a substitución de bolardos e topes de aparcamento danados", indicou Varela, que destacou que "esta actuación é unha mostra de que o goberno escoita á cidadanía". "Imos arranxar distintos desperfectos que presenta a urbanización desta zona pero, ademais, imos introducir modificacións neste sistema de seguridade xa que distintos veciños e veciñas insistían en que causaban problemas de visibilidade que derivaban en danos, por exemplo, nos automóviles", dixo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión