7 de outubro de 2015
Mañá xoves, ás 19.00 horas, terá lugar a cerimonia de descubrimento da placa da Praza das Atochas
Mañá xoves, ás 19.00 horas, comezará a cerimonia de descubrimento da placa da Praza das Atochas, até agora denominada Praza de Millán Astray. Con este acto cargado de simbolismo, o Concello da Coruña comeza a aplicar a Lei de Memoria Histórica no rueiro da cidade. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou a intención de facer deste acontecemento “un acto festivo do que poida participar toda a cidadanía”. Amenizado pola Banda Municipal de Música, o rexedor presidirá o evento de descubrimento de placa, acompañado polo concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.
Está previsto que durante o acto de descubrimento da Praza das Atochas tamén tomen a palabra Manuel Monge, membro da comisión de expertos do Concello da Coruña que analizou as medidas para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica, e Mariquiña Villaverde, filla de José Villaverde, secretario xeral da CNT en Galicia entre 1931 e 1933 e memoria viva da represión e a dignidade do pobo coruñés.
Ademais de todos os veciños e veciñas da Coruña, a Corporación municipal ao completo está convocada a este acto, a Corporación local de 2009 que aprobou o cambio de denominación, así como os representantes de diversas entidades, asociacións comprometidas coa Memoria Histórica e a comisión de expertos que fixo o informe da mesma.
De aquí a final de ano, o Concello seguirá adiante coa súa pretensión de dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica polo que, entre outras medidas, se procederá ao cambio de denominación de máis rúas. En total, e segundo o aprobado polo Pleno local en 2009, 22. O alcalde sinala que “o cambio de nome producirase maioritariamente este final de ano, aínda que por motivos simbólicos, ou porque coincidan con algún aniversario, haberá algunhas inauguracións que se deixarán para o exercicio que vén".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible