16 de decembro de 2016
“O barrio non pode permitirse seguir esperando, e o Goberno local non vai quedar parado”, advirte o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que chama á Xunta a “non bloquear”
O Concello vén de sacar a licitación a redacción do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do Mercado de Santa Lucía, así como o estudo de seguridade e saúde, a dirección facultativa de obras e a coordinación en materia de seguridade e saúde, por un importe total que ascende a 193.858 euros (IVE incluído), a repartir en catro anualidades incluída a presente. O proceso de licitación, sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, busca definir o proxecto, de acordo coa proposta que o Concello trasladou á Xunta de Galicia, para recuperar o mercado e incorporar novos usos, como son o sanitario e de pública concorrencia, desde unha perspectiva vertical. "Esta proposta, que plantea unha solución con varias alturas, é totalmente factible, como demostran outros centros de saúde que funcionan no centro da cidade, como é o caso do de San José ou a propia Casa do Mar", indica o concelleiro, quen, non obstante, recorda que o Goberno local deseñou e trasladou á Xunta unha segunda alternativa -que contemplaba localizar o servizo sanitario nunha parcela municipal no Paseo das Pontes, separado da praza de abstos-, para o caso de que a administración autonómica "cambie o seu criterio e non asuma o proxecto de Santa Lucía, que é polo que aposta o Goberno local". "O que non poden facer é bloquear o mercado que o barrio necesita. O barrio non pode permitirse ter este proxecto parado por máis tempo, e o Concello non vai quedar parado esperando", advirte o responsable municipal, que incide en que o equipamento do mercado "ten que quedar en Santa Lucía".
O procedemento de licitación posto en marcha -que hoxe se publica no BOP e no DOG- recolle a asistencia técnica para a redacción do proxecto básico e de execución, unha proposta que deberá definir de forma detallada a distribución dos novos usos dentro do edificio en relación coas distintas unidades que funcionarán nel, como son a praza de abastos, o centro de saúde e os locais municipais de uso público previstos, atendendo á intervención sobre a estrutura e envolvente actual do inmoble, e de igual xeito aos criterios ambientais incorporados ao deseño e posterior funcionamento do mesmo.
Asemade, a proposta deberá integrar as características arquitectónicas máis significativas do edificio actual, que presenta un volume escalonado, con patio central con lucernario e niveis interiores organizados mediante entreplantas. A contratación realizarase a través dun procedemento aberto con comité de expertos, que valorará a solvencia e coherencia dos proxectos presentados. Nese sentido, o prego indica que as propostas para o concurso deberán resolver a integración do inmoble coa súa contorna inmediata, tanto en relación cos accesos como cos espazos públicos vinculados, e ter en conta unha posible intervención sobre este ámbito para mellorar as condicións de acceso e uso, e igualmente as condicións ambientais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible