Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de agosto de 2026

Licitada a segunda fase de remodelación dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, cun orzamento de case 700.000 euros

O Concello supera os 81 millóns de euros mobilizados no Plan de Barrios coa adxudicación das obras do Parque do Vixía e da nova biblioteca municipal de Palavea

O Consistorio resolveu tamén a contratación da xestión da rede de Escolas Infantís Municipais, que manterá todos os postos de traballo e a que destínanse 3,2 millóns de euros

O Concello adxudicou hoxe en Xunta de Goberno Local a creación do novo Parque do Vixía, no barrio de Monte Alto, cun investimento de 1.540.299 € e un prazo de execución de 9 meses. A intervención integral suporá unha transformación total da contorna, creando unha gran área de esparexemento e ocio que sexa referencia na cidade, recuperando ademais un punto de relevancia histórica que nas últimas décadas quedara progresivamente esquecido. A actuación responde ao empeño do Goberno de Inés Rey por aumentar as zonas verdes en todos os barrios da cidade e por mellorar os servizos e as áreas de esparexemento. Tal e como lembrou o voceiro municipal, José Manuel Lage, "estas actuacións coordinadas e estratéxicas forman parte do Plan de Barrios impulsado polo executivo local, que leva xa máis de 81 millóns de euros mobilizados e supón un impulso decisivo e estrutural para os servizos e os equipamentos da cidade". 

"Esta é unha actuación integral sobre o terreo que achegará unha gran zona verde de máis de 16.000 metros cadrados ao barrio de Monte Alto e á cidade, algo que casa coa nosa idea do que debería ser a planificación dunha cidade máis sostible e con máis espazos naturais públicos", subliñou hoxe en rolda de prensa o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas.

O proxecto formula a eliminación de pechamentos para mellorar a accesibilidade, construíndo ademais novos accesos e resolvendo desniveis entre o interior e as vías perimetrais, creando corredores verdes. Ademais, buscarase a eficiencia na construción, e por iso aproveitarase boa parte da infraestrutura xa existente na contorna, integrando as construcións públicas do ámbito no conxunto e habilitando unha rede de camiños trazados en función das vistas e da topografía. 

Un elemento central deste novo parque é a construción dun sistema de pasarelas elevadas que superen a altura dos edificios da rolda de Monte Alto para recuperar as funcións de miradoiro do lugar e poder gozar dunhas vistas únicas, moi especialmente, ao mar e á Torre de Hércules. Levarase a cabo unha ampla repoboación de vexetación, alternando a plantación de especies perennes e caducas en función da cota e procurando alcanzar un equilibrio entre diversidade, sombra e adaptación ao medio, trazándose tamén varios estanques e fontes.

Para ampliar as funcións do parque e facer un espazo de usos múltiples para a cidadanía, tamén se habilitarán zonas de xogo deseñadas de maneira integrada coa topografía existente, aproveitando os desniveis naturais para a disposición de elementos lúdicos, así como zonas de descanso e merendeiro.

Biblioteca e Aula Informática de Palavea

O Concello tamén adxudicou hoxe a obra do proxecto da biblioteca municipal de Palavea, cun investimento de 1.288.614 € e un prazo de execución de seis meses. A actuación enmárcase dentro da estratexia municipal de rexeneración urbana e mellora dos espazos dotacionais, co obxectivo de liberar a parcela ocupada polo mercado actualmente en desuso para posibilitar a construción deste novo equipamento, adaptado ás necesidades actuais e futuras da poboación residente en Palavea.

"En definitiva, trátase da construción dunhas novas instalacións de titularidade municipal para destinalas ao servizo da nova biblioteca. Este edificio idéase como un equipamento público de dúas plantas, de carácter aberto e flexible con todas as prestacións necesarias para a súa funcionalidade, incluíndo sala de usos múltiples, dúas salas de biblioteca, almacén e cuarto de residuos, un local social, un local para a celebración de actividades e obradoiros e dous espazos de aseos", explicou o primeiro tenente de alcaldesa, Lage Tuñas.

Con esta actuación respóndese á necesidade de dotar o barrio dun equipamento público contemporáneo, flexible e de uso comunitario, capaz de revitalizar o ámbito urbano. A organización do edificio baséase nun criterio de máxima flexibilidade funcional, integrando nun mesmo conxunto a biblioteca, a sala de usos múltiples, a aula de informática, o local social. Esta disposición permite que os distintos espazos funcionen de xeito independente ou en conxunto segundo as necesidades, facilitando a súa adaptación a diferentes actividades, horarios e perfís de usuarios.

A biblioteca concíbese non só como un espazo de lectura e consulta, senón como un centro cultural aberto, capaz de acoller actividades complementarias como talleres, presentacións ou encontros veciñais. A aula informática responde á crecente demanda de acceso a recursos dixitais e formación en competencias tecnolóxicas, constituíndose como un espazo clave para a inclusión dixital e a aprendizaxe interxeracional.

Vestiarios da Cidade Deportiva da Torre

O Concello avanza tamén coa licitación da segunda fase da remodelación integral dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, cun orzamento base de  694.530 €. "Explicamos moitas veces que estamos a poñer todos os recursos posibles ao servizo da tarefa de mellorar o conxunto das instalacións deportivas públicas desta cidade, e concretamente a Cidade Deportiva da Torre é unha das máis emblemáticas e utilizadas pola cidadanía. Por iso estamos a facer unha mellora integral dos seus vestiarios, escoitando as demandas das persoas usuarias e modernizando as instalacións para facelas máis cómodas para todos e todas", apuntou Lage Tuñas. 

O proxecto permitirá sumar dous novos vestiarios para equipos na zona de intervención mediante unha reordenación dos espazos. Esta relocalización xeral contará con tres liñas de distribución, unha para os inodoros e lavabos, outra para os vestiarios, que verán ampliada a súa capacidade, e unha terceira liña para a zona de duchas. 

Tras estas renovacións levarase tamén a cabo unha renovación dos acabados, escollendo materiais de gran resistencia que minimicen, na medida do posible, as necesidades de mantemento no futuro. Así mesmo, dotarase de climatización e renovación de aire ás estancias. 

Para realizar a mellora enerxética do edificio disporase dunha fachada ventilada, colocando un illamento térmico e renovando todas as carpintarías exteriores para seguir mellorando a envolvente térmica do conxunto. Realizaranse tamén melloras sobre a cuberta, coa limpeza a impermeabilización das baixantes. 

"Os campos da Torre son un exemplo perfecto da planificación estratéxica de Inés Rey e da importancia de ter posto en marcha o Plan de Instalacións Deportivas. Hai uns anos eses campos estaban danados e sen servizos. Hoxe contan cunha cafetaría, con céspede e iluminacións renovadas e agora culminamos a actuación cos vestiarios", sinalou Lage Tuñas. 

Escolas Infantís Municipais

O concelleiro tamén confirmou a adxudicación, a distintas adxudicatarias, do servizo de xestión dos oito centros da rede de Escolas Infantís Municipais, cun investimento duns 3.200.000 euros. "Coa adxudicación da xestión das escolas facemos unha aposta clara polo reforzo dun servizo público que consideramos esencial. É, en definitiva, unha aposta pola educación pública de calidade, unha das bandeiras fundamentais deste Goberno", dixo.

Ademais, Lage Tuñas tamén lembrou que "este Goberno municipal foi pioneiro en Galicia en promover este servizo gratuíto para a cidadanía, mantendo os máximos estándares educativos e de calidade, marcando unha senda que outras administracións seguiron ao ver os bos resultados cultivados nesta cidade". 

O obxectivo desta nova adxudicación é ampliar os servizos e mellorar a comodidade tanto das familias como dos nenos e nenas, garantindo ao mesmo tempo unhas condicións laborais dignas para todo o persoal das escolas, que será subrogado para blindar as plantillas que actualmente traballan nos centros. Ademais, o Concello levará a cabo un labor de monitorización e interlocución coas escolas para garantir que o servizo cumpre cos estándares de calidade que deben caracterizar a nosa rede de centros infantís públicos. Por último, Lage Tuñas destacou a incorporación dunha nova escola á rede, a de Monte Alto, cunhas instalacións totalmente renovadas como parte do proxecto do mercado.

Área Infantil praza Padre Busto

Tamén no barrio de Palavea, o Concello sacou a licitación o proxecto de renovación da área infantil da praza Padre Busto, cun orzamento base duns 150.000 euros. O obxectivo desta intervención é aumentar as prestacións e a calidade dos elementos instalados e aumentar e actualizar a oferta lúdica nos espazos de xogo.

En definitiva, fomentarase a creación dunha contorna de lecer e xogo que permita o desenvolvemento das habilidades motrices, sensoriais, sociais, emocionais e creativas dos nenos, garantindo ao mesmo tempo a integración paisaxística do conxunto do complexo, poñendo en valor os elementos naturais e as zonas de sombra para permitir o xogo en temporada estival. Procederase tamén ao valado do perímetro para mellorar a seguridade do parque. Nas incorporacións aos elementos de xogo inclúense randeeiras, bambáns, unha caseta de xogo, dous tobogáns e un xogo de rotación tipo carrusel, entre outros, tendo sempre en conta os criterios de accesibilidade que deben cumprir sempre as instalacións municipais.

Outras cuestións

a Xunta de Goberno Local deu tamén luz verde á adxudicación dos contratos precisos para organización do Mercado de Nadal deste ano na praza de María Pita. En total, o Concello investirá máis de 300.000 euros nesta actuación. Por último, no mercado Eusebio da Guardia, resolvéronse as adxudicacións de nove postos, 3 exteriores e 6 interiores.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión