10 de febreiro de 2017
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salienta o “compromiso do Goberno local co dereito a unha vida digna, tal e como se reflicte nas accións desenvolvidas nesa liña e no seu proxecto orzamentario, que ten nestas políticas un dos seus eixes”. O Goberno local lamenta que haxa quen, “de forma intencionada, pretenda transmitir á cidadanía que as políticas sociais deste Goberno pasan por acondicionar pontes para albergar xente, algo que queda desmentido con programas como este de acollemento nocturno para persoas sen teito”
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, confirmou este venres que o programa municipal de atención de baixa esixencia para persoas en situación de rúa -programa de acollemento nocturno para persoas sen teito- estará operativo neste mesmo trimestre, toda vez que os trámites administrativos están xa nunha fase avanzada e as obras para adecuar o local comezarán de forma inminente. Como fai notar a responsable municipal, trátase "dun dos numerosos recursos impulsados desde o Concello para dar cobertura a todas aquelas persoas que se atopan sen fogar, con especial atención a aquelas que se atopan en maior risco de vulnerabilidade ou situación de desarraigo", neste caso, para prestar unha atención nocturna a persoas en situación de marxinación ou exclusión social, que polas súas características non poden facer uso doutros recursos sociais para pernoctar. "Este Goberno local ten claro que a cidade non pode deixar a ninguén atrás e por iso ten nas políticas sociais un dos seus eixes de acción fundamentais e a súa principal preocupación", subliña a concelleira, que alude tamén ao "traballo e colaboración constante coas diversas entidades que tratan e traballan con estes colectivos", como ocorre por exemplo co Dispositivo de Frío que ten activado a concellería, a través do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (Semus) en colaboración coa Cruz Vermella e coa ONG Accem, para facilitar a aqueles cidadáns e cidadás en situación de especial vulnerabilidade a posibilidade de acceder a un aloxamento, así como a reducir a exposición deste colectivo ás condicións meteorolóxicas adversas do inverno, servizo que desde este ano se presta de forma diaria grazas ao reforzo establecido.
En canto ao programa de acollemento nocturno para persoas sen teito que se desenvolverá nun local municipal da zona de Monte Alto, este funcionará, tal e como expón Cameán, todos os días do ano, desde as 21.00 ata as 08.00 horas, para dar cobertura a 15 persoas, co obxectivo de proporcionar "atención básica ás persoas sen fogar, para facilitarlles un espazo nocturno digno, seguro e confortable", como complemento ao resto de accións que o Concello dirixe a este colectivo. Nel se ofrecerá servizo de acollida para información, orientación, promoción e inserción social, ademais de servizo de estancia e lecer, café, limpeza e consigna. Como indica a titular de Xustiza Social, o persoal traballará tanto no albergue como na rúa coas persoas usuarias do programa, que se completará con accións de integración que se programan desde outros servizos e equipos da consellería e do Semus, nunha liña que ten como finalidade o desenvolvemento de actuacións e servizos tendentes á prevención, atención, promoción e inserción social das persoas sen fogar que pasan a noite na rúa, caixeiros ou portais.
"O Goberno local ten un firme compromiso coas persoas que peor o están a pasar, que se reflicte tanto nas súas accións neste eido -como é a posta en marcha da Renda Social Municipal, un programa pioneiro para dar cobertura básica ás persoas que máis o necesitan, ou a creación dun Servizo de Atención Inmediata dentro dos Servizo Información, Orientación e Valoración de demandas en clave social, que foi reorganizado para ofrecer unha atención máis rápida e de mellor calidade ás necesidades e demandas das e dos usuarios- e que tamén se plasma no seu proxecto orzamentario para este 2017, que ten no dereito a unha vida digna un dos seus eixes principais", subliña Cameán. Neste sentido, desde o Goberno local se salienta que programas como o de acollemento nocturno para persoas sen teito desmenten a quen, de forma intencionada e interesada, pretende transmitir á cidadanía e ás asociacións que as políticas sociais deste Goberno pasan por acondicionar as pontes de Alfonso Molina para albergar a persoas, "o que supón unha enorme falsidade, baseada en análises de estudos contratados polo Concello e de grande interese, pero que non son iniciativas que esteamos poñendo en marcha", e chama ás entidades que traballan neste campo a "non caer nesas trampas e manipulacións". Ao mesmo tempo, o Goberno local recorda que o seu proxecto de Orzamentos inclúe para este ano 27,14 millóns de euros para políticas sociais, o que supón un aumento do 3% respecto ao ano precedente, "no que xa se fixera un esforzo decidido nesta liña".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible