15 de febreiro de 2017
Os concelleiros de Culturas e Deporte, e de Rexeneración Urbana, reuníronse hoxe con membros do Consello de Administración do club, para amosarlles a folla de ruta marcada, que pasa por iniciar as obras antes de xuño do próximo ano. “É un proxecto prioritario para este Goberno, que investirá 7 millóns de euros no mesmo”, dixo Xiao Varela
O Goberno local da Coruña, a través de distintas áreas e concellerías, está a traballar xa no anteproxecto preciso para poder acometer as obras de remodelación do estadio de Riazor, de titularidade municipal e que explota o Deportivo da Coruña. A intención do Executivo municipal é que ese anteproxecto sexa consensuado co propio club, motivo polo cal se constituirá unha Mesa Técnica de Seguimento. O anteproxecto, que se espera ter rematado a finais de maio, marcará as bases para a posterior licitación tanto do proxecto de actuación como da propia obra. Así, e tendo en conta os tempos necesarios dos procesos administrativos, as obras de remodelación poderían comezar a acometerse antes de xuño de 2018, varios meses antes do inicialmente previsto. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, trasladaron hoxe esta proposta de folla de ruta a representantes do club --os conselleiros Enrique Calvete, Martín Pita e Daniel Ramos, ademais do director corporativo, José González Dans-- nunha reunión de carácter "cordial" que tivo lugar no Pazo de María Pita.
Rematada a mesma, produciuse unha comparecencia conxunta tanto dos representantes municipais como dos do club de fútbol, na que o concelleiro Sande recordou "o fondo compromiso do Concello co Deportivo e con esta obra, algo que podemos ver no feito de que a Administración Local aportará de forma íntegra 7 millóns de euros para o seu desenvolvemento". "O Concello asumirá a obra, pero aínda así cre na importancia de facelo de forma consensuada co propio Deportivo, motivo polo cal activaremos unha Mesa Técnica de seguimento que se reunirá o próximo 7 de marzo, de cara a intercambiar información e seguir profundando no anteproxecto", comentou. "Do mesmo xeito, a nosa intención é axustar todo o que poidamos os prazos de execución, dentro do marco dos límites legais, de forma que poderiamos comezar a mesma antes de xuño de 2018", insistiu. Está previsto, non obstante, que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manteña unha xuntanza co presidente do Deportivo antes das reunións de traballo marcadas entre a administración pública e o club. "A nosa intención en todo momento é que as intervencións que se produzan no estadio estean consensuadas e coordinadas co club, como sucedeu sempre por outro lado, xa que nunca existiu nin distancia nin afastamento entre ambas institucións, senón desexo de traballo común, poñendo sempre por diante a seguridade", resumiu Sande.
A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, insistiu en que "a obra de remodelación é absolutamente prioritaria para este Goberno". "Realizamos para a mesma unha previsión orzamentaria de 7 millóns de euros, fronte aos 3 millóns do anterior Goberno", engadiu, á vez que destacou a revisión do proxecto anterior levada a cabo polo actual Executivo, "algo que nos permitiu garantir que este proceso se vaia a levar a cabo coa máxima solvencia, e non ir a levar a cabo un proxecto sen as condicións idóneas para ser executado". "O noso calendario pasa por ter preparado o anteproxecto, de forma consensuada, antes do 20 de maio, para posteriormente poder licitar conxuntamente tanto o proxecto construtivo como as obras, de forma que non nos poderiamos atopar de novo nunha situación como a que se deu, de que unha construtora nos diga que non ten un proxecto adecuado para a súa execución", explicou. Desta forma, e respectando os tempos administrativos, as obras poderían iniciarse antes de xuño do vindeiro ano. "A axilidade no proceso permitiría que puideramos iniciar obras contra o verán, que xustamente é unha época máis acaída, debido a que é cando menor actividade ten o Deportivo", destacou.
"Con todo, serán as propias conversas e intención de traballar en base ao máximo consenso o que determine os prazos finais nos que remate a obra, xa que existen distintas posibilidades de solucións técnicas, o mesmo que distintas tipoloxías de cubertas. Esa determinación, unido aos eventos deportivos, marcarán os prazos de execución, aínda que loxicamente a intención é que sexan os menores posibles", comentou, a preguntas dos medios.
Á marxe da obra de remodelación do estadio, na reunión tamén se abordaron temas relativos aos traballos que está a seguir o Concello de cara a arranxar os desperfectos causados polo temporal, así como o contrato de mantemento municipal posto en marcha "como forma de anticipar calquera tipo de incidente". "As reparacións derivadas do temporal de vento marchan a bo ritmo, tendo en conta que hai que traballar cunha grúa de gran altura, que tamén depende en gran medida do vento, e que hai outra serie de factores, como actuar sen causar problemas no céspede", indicou ao fío Varela, que dixo, non obstante, que as obras de reparación puntuais, por motivo do temporal, non influirán no desenvolvemento do próximo partido oficial do sábado. "O máis importante en calquera caso, é que tanto na xestión do temporal como na posterior, o noso principal e primeiro interese foi sempre o da seguridade", dixo.
"Á marxe do temporal, tamén se produciron estes días uns desconchados nunha da columnas de formigón do estadio, se ben entendemos que é unha cuestión, en inicio de pouca entidade, que quedará arranxada nos próximos días", dixo, á vez que engadiu que o servizo municipal de Bombeiros xa vén de retirar todos os cascotes desprendidos.
En canto ao mantemento, Sande destacou que, se ben estas actuacións xa se levan a cabo, "nos próximos días sairá a licitación un contrato que permitirá levar un control puntual e periódico da situación do estadio, un reforzo ao que xa se está a facer que será fundamental á hora de anticiparse a actuacións necesarias". O titular da área de Deportes salientou o novidoso do contrato de mantemento, "tendo en conta que non existía un de carácter similar dende 2010".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible