5 de abril de 2026
A intervención no recinto, que comezará a finais de mes, dá continuidade ao plan de actuacións previsto polo Executivo local, que inclúe a área de xogos da gardaría do Ventorrillo e á da praza de Portugal
Nas vindeiras semanas, o Concello dará un paso máis na súa folla de ruta do Plan de Barrios 2025-27, que sumará unha nova actuación no distrito de Catro Camiños coa posta en marcha dos traballos de renovación do parque infantil situado na praza da Palloza.
A intervención sobre a área de xogos permitirá incrementar a capacidade do recinto ata máis de medio cento de persoas usuarias -54 en total- e, incluirá varias medidas destacadas. A primeira, a substitución do firme de area por unha nova superficie de caucho, que cubrirá 210 metros cadrados. E a segunda, a incorporación de novos equipamentos de disfrute como torres multixogo e balancíns, concibidos para o uso de nenas e nenos con mobilidade reducida.
A previsión dos servizos municipais é que os traballos no parque infantil da Palloza comecen nos próximos días, se as condicións meteorolóxicas son favorables.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no compromiso do Concello para dar cumprimento ás demandas da veciñanza de Catro Camiños, onde se está a ultimar a mellora da área verde e o espazo infantil de Puga y Parga. O enclave mantense acoutado de forma preventiva por un valado perimetral mentres medra o novo céspede, para evitar actividade ou pisado sobre a superficie que poda obstaculizar o seu crecemento.
En paralelo, melloras no barrio do Ventorrillo e, proximamente, na praza de Portugal
Tras varias semanas de temporais e intensas precipitacións, e aproveitando a chegada da primavera, o Concello ultima a programación de melloras nos parques infantís da cidade de cara aos vindeiros meses.
A renovación da área de xogos da Palloza supón un novo paso na axenda de intervencións prevista polo Goberno de Inés Rey a curto e medio prazo, que terá continuidade cos traballos no parque infantil da gardaría do Ventorrillo -que será cuberto- e, mais adiante, coa ampliación e remodelación do espazo existente na praza de Portugal.
Ambas as actuacións forman parte do Plan de Parques Infantís 2025-2030, concibido polo Executivo local co obxectivo de que, de aquí a 2030, todas as familias da cidade, vivan onde vivan, conten cun parque infantil a dez minutos ou menos da súa vivenda.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible