17 de marzo de 2016
O alcalde presentou a cita, que terá lugar no Teatro Rosalía e será de balde, xunto ao presidente do Consello da Cultura Galega, entidade que organiza a actividade
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou na mañá deste xoves o Concerto das Letras, unha cita musical que organiza o Consello da Cultura Galega e que o próximo día 17 de maio traerá ao Teatro Rosalía de Castro ao grupo Milladoiro. “Por primeira vez, esta actividade celébrase na cidade”, salientou o rexedor, quen saudou a decisión, “dada a vinculación do homenaxeado deste ano, Manuel María, coa cidade e a de Milladoiro, que forman parte da biografía de moitos coruñeses e coruñesas da miña xeración e de xeracións anteriores e posteriores”. Neste sentido, Ferreiro amosou a súa satisfacción polo concerto, que como dixo será “o colofón” ás actividades se que organizarán --desde o Concello e desde a sociedade civil e as entidades privadas-- e por supoñer “unha bonita ponte para unir o Día das Letras Galegas co Centenario das Irmandades da Fala, que tamén teñen A Coruña como protagonista, por ser onde naceron”.
No mesmo sentido se pronunciou durante a presentación o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen sinalou que a cita musical porá “o remate aos actos académicos dese día respecto da figura de Manuel María, e tamén o principio do que serán ao día seguinte as actividades en torno ás Irmandades da Fala, que se conmemoran o 18 de maio”. “O concerto --indicou-- debe pensarse “como homenaxe a Manuel María, ao Día das Letras Galegas, e tamén como un recoñecemento á importancia que ten na música a cidade da Coruña, e non só popular, senón tamén culta”.
Como expuxo, o concerto, que é de balde e que este ano renova o seu formato para pasar de ser un recital de poemas ou orquestra a unha actuación dun grupo como Milladoiro, terá lugar ese martes 17 ás 20.30 horas no teatro Rosalía, onde se poderán conseguir as invitacións. A este respecto, Moncho García, integrante da banda, avanzou que será un concerto “excepcional”, xa que recollerá temas do disco Unha Estrela como Guía, que Milladoiro publicou no seu día en homenaxe a Manuel María, e amosou o agrado da formación por volver á Coruña, “porque foi aquí onde naceu Milladoiro, un 19 de maio de 1979 nos Salesianos, e onde colleu pulo, desde o parque de Santa Margarita, o pazo dos Deportes, o teatro Colón, ou o Rosalía”. “Para nós sempre foi a nosa casa”, afirmou.
Pola súa banda, Maximino Zumalave, membro da comisión executiva do Consello da Cultura Galega, salientou do grupo a súa capacidade “por chegar a todo tipo de xente, ademais do seu compromiso co país e coa mellora da súa cultura”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible