Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de maio de 2022

O Día da Ciencia na Rúa volve ao parque de Santa Margarida coa presenza de 35 centros educativos

Os Museos Científicos Coruñeses organizan este sábado 7 de maio esta xornada festiva e divulgativa con múltiples actividades para todas as idades

O Concello, a través dos Museos Científicos Coruñeses, organiza para este sábado 7 de maio o Día da Ciencia na Rúa. Este acontecemento reúne desde hai 25 anos a ducias de centros educativos e milleiros de persoas no parque de Santa Margarida. O pasado ano trasladouse de xeito excepcional ao Teatro Colón nunha xornada que conservou a esencia da celebración adaptándoa as circunstancias sanitarias. Co regreso deste evento, o Goberno municipal de Inés Rey amosa o seu respaldo á educación e á ciencia.

De novo volve ao parque de Santa Margarida esta especial romaría científica na que son protagonistas principais o alumnado e o profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas. Nesta edición, 35 centros da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño traen con moita ilusión as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia.

No Día da Ciencia da Rúa estarán tamén presentes entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Universidade da Coruña participa coa Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e a Cátedra EMALCSA-UDC. Tampouco faltarán á cita outras institucións asentadas na cidade, como o Centro Oceanográfico da Coruña, e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-Grupo CellCOM e Grupo de Microbioloxía. Sumáronse ademais nesta edición a Facultade de Física USC e a Facultade de Ciencias USAL.

Outras entidades, como a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva ofrecerán as súas actividades para o público que visite o parque de Santa Margarida este sábado. O desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña, xogos e talleres, completarán esta xornada festiva.

Xornada de portas abertas nos Museos Científicos

Ademais, os Museos Científicos Coruñeses súmanse a este día con xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Na Casa das Ciencias, no centro da festa no parque, a entrada será libre neste día. Na Domus e no Aquarium será preciso reservar os billetes para gozar desta xornada de portas abertas.

Premio Javier Novelle

Nesta edición do Día da Ciencia na Rúa quéreselle render unha homenaxe a Javier Novelle, quen desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e durante 24 anos impulsou con grande éxito esta celebración, traxectoria interrompida polo seu falecemento.

Os premios que levan o seu nome serán un recoñecemento aos centros escolares que participan no Día da Ciencia na Rúa, no que se destacará, coa entrega dun diploma, o aspecto máis relevante das súas presentacións. A entrega destes premios terá lugar ás 18.00 horas do mesmo sábado 7 de maio.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión