28 de marzo de 2017
O concelleiro de Culturas explicou que o Teatro Rosalía de Castro, sede da gala, foi recoñecido como a mellor institución cultural de Galicia no ano 2016
O Teatro Rosalía de Castro acollerá, un ano máis, a cerimonia de entrega dos Premios María Casares. Así o anunciou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, na presentación da XXI edición dos galardóns, unha gala que terá lugar mañá, mércores 29, ás 20.30 horas. O edil destacou na súa comparecencia, que tivo lugar no Pazo de María Pita, o compromiso do Goberno local coas artes escénicas, o cal cualificou como "firme, como proba o apoio á programación específica do Día Mundial do Teatro na Casa Museo Casares Quiroga e o impulso á figura de María Casares", e confirmou que o executivo "dará saída proximamente, coa colaboración da Deputación, a novas convocatorias de axudas á creación que facilitarán o desenvolvemento escénico", así como a proxectos de co-xestión de espazos escénicos e ou centros culturais "unha vez sexan aprobados, definitivamente, os Orzamentos Municipais do presente ano", unha liña que complementa a aposta que o Goberno coruñés realiza pola creación galega a través da súa inclusión na programación de recintos como o Teatro Rosalía de Castro, sede habitual dos Premios. Ao fío, o edil explicou antes os medios de comunicación que o espazo da rúa Rego de Auga "vén de ser recoñecido no ano 2016 como a mellor institución cultural de Galicia segundo o Observatorio de Cultura da Fundación Contemporánea, unha clasificación que é outorgada pola valoración e o criterio das e dos profesionais do sector".
"O compromiso do Goberno municipal co teatro móstrase coa cesión dun espazo de excelencia como é o Rosalía para a realización da gala, pero tamén coa súa visibilización ao longo do ano a través da programación de estreas no recinto ou a inclusión das obras no Ciclo Principal" explicou Sande. Así, destacou que varias das obras candidatas aos Premios que promove a Asociación de Actores de Actrices de Galicia (AAAG) pasaron polas táboas do Teatro Rosalía (Raclette, Foucellas, Eroski Paraíso, Voaxa e Carmín, Get Back) ou chegarán nas próximas semanas, como é o caso de O tolleiro de Inishmaan, programado para os días 16 e 17 do mes de maio, ocasión na que o Ciclo Principal trasladará a súa acción das tardes dos venres e sábados para programar dúas funcións entre semana, arredor do día das Letras Galegas. O concelleiro tamén salientou a participación da obra Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro candidata ao mellor espectáculo infantil, dentro da programación do ciclo Todo Público, unha proposta que achega as artes escénicas a todas as idades, e que fai un importante labor na creación de novos públicos. O titular da área de Culturas estivo acompañando na presentación polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera, e Pepo Suevos, director da gala nesta ocasión, quen afirmou que a cita chega co obxectivo "de ser pouco convencional". Así, sobre o escenario un elenco de seis actores e actrices e unha banda de música cubana creada para a ocasión presentarán, con humor, "a relación entre o mundo da cultura e o da administración", sinalou Suevos, nunha gala na que a dramaturga Inma Antonio lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, e Eduardo Alonso recibirá o Premio de Honra Marisa Soto. A cita poderá seguirse a través das redes, co cancelo #OsCasares, e por streaming, desde as 21.00 horas, na páxina web www.crtvg.es.
En total serán 13 os espectáculos finalistas os que competirán nas 14 categorías desta XXI edición dos Premios, aos que se presentaron 44 pezas, "un número que pon de manifesto o entusiasmo e talento do sector", sinalou Rivera. Entre as creacións con maior número de candidaturas destaca O Tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, que opta a 11 dos galardóns. Eroski Paraíso, de Chévere, é finalista en 8 categorías, mentres que Raclette, de Ibuprofeno Teatro e Voaxa e Carmín, de Butacazero e Eme2, a cinco. Foucellas, de Talía Teatro, é candidata en tres apartados, mentres que Os amores de Jacques o fatalista, de Producións Teatrais Excéntricas, e A nena que quería navegar, de Redrum Teatro, en dous. Pola súa banda, Xurdefet, de Berrombambán; Danza da Choiva, de Elefante Elegante; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Os Roxkenstein, de Malasombra Producións; Tarturo, do Centro Dramático Galego; e Get Back, de Eme2, serán finalistas nunha categoría dos premios do teatro galego.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible