23 de decembro de 2023
A venda de billetes abriuse onte ás 11 horas e tres dos catro tipos de abonos xa están esgotados
O éxito de vendas desta edición reforza a política cultural do Goberno de Inés Rey, que aposta por eventos culturais xenuínos
O Encontro Mundial de Humorismo vén de bater un novo récord na súa recente historia: en tan só 24 horas, o público adquiriu máis de 13.000 entradas para os espectáculos que se poderán ver na súa nova edición, que terá lugar do 25 de abril ao 5 de maio de 2024 na Coruña. Propostas como La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, Humoris Causa ou Esto no es un show, de Galder Varas, están a piques de pendurar o cartel de "entradas esgotadas".
O EMHU 2024 activou a venda de billetes onte, venres 22, ás 11.00 horas, a través da páxina www.emhu.es e da plataforma www.ataquilla.com. A alta demanda de entradas en citas como a gala Humoris Causa -na que se xuntarán por primeira vez sobre un escenario Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril- ou Esto no es un show deu pé a apertura de novas funcións nos dous casos; circunstancia que se repite esta mesma mañá, pois o EMHU vén de activar este mediodía unha segunda sesión de Mentes peligrosas, que contará con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez, para o mesmo 4 de maio.
A boa acollida da programación do EMHU 2024, reforza a política cultural do Goberno de Inés Rey, que aposta por ofrecer á cidadanía unha oferta baseada na celebración de grandes eventos e propostas xenuínas como este festival de humor. Nas primeiras horas do venres 22, esgotáronse os nomeados 'Bueno' (60€), 'Bueno, bueno' (78€) e 'Bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor, lo superior' (162€). Este sábado 23 unicamente quedan dispoñibles as últimas unidades dos abonos 'Bueno, de lo bueno, lo mejor'(87€), que inclúe o acceso aos espectáculos Tengo coas para hacer, La nueva normalidad, La ruina, Humoris Causa e Fantastic Colofon.
O EMHU é a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (máis de 15.000 personas no 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa -Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, La nueva normalidad, La ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa.
Durante 11 xornadas, o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público grazas a algún dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas ou Esto no es un show; mais tamén de producións propias como Fantastic Colofon e Humoris Causa, citas nas que o EMHU xunta en exclusiva, en cada edición, un elenco de grandes figuras que se atopan, por vez primeira, nun mesmo escenario.
Programación por días
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible