Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de marzo de 2023

A alcaldesa, Inés Rey, definiu o EMHU como unha “cita obrigada” na programación cultural da cidade

O Encontro Mundial do Humorismo volve á Coruña do 28 de abril ao 7 de maio

Contará con máis de 20 humoristas e espectáculos como "Estirando el Chicle", e ‘Buenismo Show’ xunto con actividades paralelas de balde

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Encontro Mundial do Humorismo (EMHU) que terá lugar na Coruña entre os días 28 de abril e 7 de maio. Dez días nos que A Coruña acollerá as figuras máis destacadas da comedia a nivel nacional, como Eva Hache, Dani Rovira, Eva Soriano, Marta Hazas ou Silvia Abril, e espectáculos como 'Estirando el Chicle', con Victoria Martín e Carolina Iglesias ou 'Buenismo Show' con Quique Peinado, Henar Álvarez e Manuel Burque.

Inés Rey interviu xunto con Luis Piedrahita, director do EMHU, con Goretti Castro, responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera e Gonzalo Trenor, delegado da Xunta de Galicia acompañados polos humoristas Carmen Méndez, Ledicia Sola, Javier Veiga, Marta Doviro, Oswaldo Digón e Xosé A. Touriñán. "Esta é unha mostra dos máis de 20 humoristas que teremos na Coruña, unha cita xa obrigada na programación cultural da nosa cidade e que estou segura de que novamente será un éxito" sinalou a alcaldesa.

A terceira edición do Encontro Mundial do Humorismo incluirá na súa programación de pago a gravación dun programa especial de 'Estirando el chicle' no Castelo de San Antón e a estrea en Galicia de 'Buenismo Show', o espectáculo de Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado baseado no programa radiofónico 'Buenismo Bien'. Tamén como novidade o EMHU acollerá a estrea en España de 'Garabato controlado', o último espectáculo do arxentino Juan Barraza xunto coa estrea absoluta de novos traballos de humoristas galegas como 'As R(h)umorosas', de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, ou 'Ansia viva', de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero.

No marco do Encontro, promovido polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, programaranse actividades paralelas de balde achegando a cultura e o humor a todos os coruñeses e coruñesas. Destacan entre elas e exposición 'El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad' ou a conversa 'Picasso e a caricatura', no marco das actividades do Ano Picasso.

O ano pasado o EMHU sumou máis de 19.000 espectadores e nesta edición son varios os espectáculos que xa contan con entradas esgotadas. 'Estirando el Chicle' e 'Buenismo Show' esgotaron o total das entradas individuais xunto con "La Capital del pecado 2.0", "La Ruina" e "Fantastic Colofón".

Programación paralela do EMHU 2023

O venres 28 de abril, antes da estrea en Galicia de 'Buenismo Show', a Casa Museo Picasso acollerá a apertura da mostra 'El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad' co gallo da conmemoración do Ano Picasso polo 50º aniversario da morte do pintor. Trátase dunha exhibición que conta con traballos de Mingote, Quino, Gallego y Rey ou Flavita Banana, entre outras sinaturas a través da cal achegan a súa visión e ideas sobre o bombardeo histórico plasmado por Picasso nunha das súas obras máis universais. A exposición, impulsada polo Concello da Coruña xunto co EMHU e o Instituto Quevedo del Humor, poderase visitar até o 30 de xuño no horario habitual do recinto municipal.

Esa mesma tarde, a partir das 19.00 horas, Siro López ofrecerá unha conversa baixo o nome 'Picasso e a caricatura', na que o humorista gráfico porá sobre a mesa a relación do malagueño con esta arte a través do seu propio arquivo. A cita, ao igual que a exposición, será de acceso libre e na Casa Museo Casares Quiroga.

Ao día seguinte, o sábado 29, a sede de Afundación acollerá un espectáculo de improvisación -de acceso libre até completar a capacidade do auditorio- creado polo alumnado do curso de nivel avanzado da Escuela de Impro Coruña, entidade dirixida por Víctor Grande e Oswaldo Digón.

O venres 5 de maio, ás 21.00 horas, estrearase por primeira vez en Galicia no Teatro Colón o novo programa 'Showriano', conducido pola cómica Eva Soriano. Na súa cita contará con Leo Harlem como convidado entre outras sorpresas. As invitacións para asistir á presentación pódense retirar, desde este luns, na páxina web www.emhu.es.

A programación paralela do EMHU 2023 completarase cunha nova edición do concerto 'La banda sonora de nuestra risa', unha proposta singular na que o EMHU e a Banda Municipal de Música da Coruña unen forzas, por segundo ano consecutivo, para ofrecer un espectáculo musical na que a risa estará garantida. O acceso ao concerto, que terá lugar o xoves 4 de maio a partir das 19.30 horas no Teatro Colón será gratuíto previa retirada de convite a través da web www.emhu.es.

Toda a programación do EMHU 2023

Venres 28 de abril

  • 18.30 horas | Casa Picasso: El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (apertura)
  • 19.00 horas | Casa Picasso: Picasso e a caricatura (acceso libre ata completar capacidade)
  • 21.30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show 

Sábado 29 de abril

  • 12.30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade)
  • 17.00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
  • 19.00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
  • 22.00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa

Domingo 30 de abril

  • 16.00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo
  • 18.00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
  • 20.30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte 

Luns 1 de maio

  • 19.30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)

Mércores 3 de maio

  • 19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)

Xoves 4 de maio

  • 19.30 horas | Teatro Colón: La banda sonora de nuestra risa (gratuíta previa retirada de convite en emhu.es)
  • 21.00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)

Venres 5 de maio

  • 19.30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)
  • 21.00 horas | Teatro Colón: Showriano (gratuíta previa retirada de convite en emhu.es)

Sábado 6 de maio

  • 12.30 horas | Teatro Colón: La Ruina
  • 19.00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)
  • 22.00 horas | Palexco: Animus Iocandi

Domingo 7 de maio

  • 20.00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión