2 de febreiro de 2022
Durante o show de Piedrahita, cheo de reflexións sobre a vida cotiá das persoas, haberá tempo para a improvisación, conectando ao protagonista co público asistente
O Concello da Coruña impulsa este mes de febreiro unha intensa programación cultural no Teatro Colón, que abrirá esta fin de semana o humorista coruñés Luis Piedrahita.
O venres 4 de febreiro (21.00 horas) e o sábado (en dobre sesión: ás 17.30 e 20.00 horas), Piedrahita deleitará ao público asistente co seu novo espectáculo 'Es mi palabra contra la mía', un show cheo de humor, enxeño e tenrura a través do que Piedrahita faise unha pregunta: por que ninguén está contento co que lle toca?
Durante a interpretación do monólogo, cheo de reflexións e surrealismos meticulosamente ensaiados, Piedrahita abordará a realidade cotiá das persoas, poñendo sobre a mesa os aspectos máis divertidos e absurdos do noso día a día. A improvisación, un dos sinais de identidade do monologuista coruñés, será unha constante durante as tres sesións, deixando a un lado o guión e conectando ao protagonista co público.
As entradas para asistir ao espectáculo, recomendado para maiores de 12 anos, con prezos que van desde os 15 ata os 20 euros, xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases tamén poderán adquirirse o día da actuación, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da función, sempre que haxa entradas dispoñibles.
Nacho Vegas e Ismael Serrano, na programación de febreiro do Teatro Colón
Neste segundo mes de ano 2022, o Teatro Colón abrirá as súas portas a un total de dez espectáculos culturais. Entre eles, a posta en marcha do ciclo musical Selección Noroeste, co asturiano Nacho Vegas presentando o seu traballo "Mundos inmóviles derrumbándose" (venres 11 de febreiro; 21.00 horas).
Ademais, o venres 18 de febreiro (20.30 horas), a coprodución teatral 'En tierra extraña' chega ao Teatro Colón coa cantante e compositora malagueña Diana Navarro como protagonista. A obra conecta as figuras de Concha Piquer e Federico García Lorca.
Por outra banda, e xa o sábado 19 de febreiro (20.30 horas), o Colón acolle o concerto do cantautor madrileño Ismael Serrano, que presenta na Coruña o seu novo traballo, 'Seremos', o agardado álbum inédito co que se posicionou durante as primeiras semanas no número dous da lista de vendas.

18 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible