Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2022

O festival de narración oral ‘Falando a boca chea’ volve este mes ao Fórum Metropolitano, con trece espectáculos ideados para todos os públicos

O certame, que chega á súa sexta edición, terá lugar entre os días 26 e 30 de abril, coa presenza de figuras artísticas como Oswaldo Digón, Paula Carballeira e Quico Cadaval

O Fórum Metropolitano volve abrir as súas portas ao festival 'Falando a boca chea', un certame que, entre os días 26 e 30 de abril, reunirá as figuras máis relevantes da narración oral no territorio galego. 

O festival, que chega á súa sexta edición apoiado polo Concello da Coruña e da man de Artestudio Xestión Cultural, supón un punto de encontro para ás e os profesionais artísticos da narración oral, abrindo novas canles de comunicación para difundir as historias orais tradicionais e amosándolle ao público as ideas máis innovadoras neste eido artístico.

Este ano, a programación do festival 'Falando a boca chea' abrangue un total de 13 espectáculos ideados para o público adulto, xuvenil e infantil, no que terán protagonismo figuras como Cris de Caldas, Oswaldo Digón, Charo Pita, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Paula Carballeira, Ramiro Neira e María Pontragha.

Esta sexta edición comezará o martes 26 (19.00 horas) coa intervención conxunta do grupo amador 'Cédoche a palabra' e do alumnado do concurso de monólogos en galego do Servizo Municipal de Educación do Concello. Será no vestíbulo do Fórum Metropolitano, nun acto para todos os públicos, con entrada de balde ata completar a capacidade. O calendario completo da programación, día a día, na web  Falando a boca chea 2022 .

Ademais, o festival tamén se achegará ao estudantado dos centros educativos da cidade. Os días 28 e 29, xoves e venres, e ás 11.30 horas, Quico Cadaval e Paula Carballeira actuarán ante alumnas e alumnos en idade de educación secundaria de institutos da Coruña.

Así, durante cinco días consecutivos, no Fórum Metropolitano haberá tempo para gozar con espectáculos gratuítos no vestíbulo, ideados para todos os públicos; propostas para o público de entre 2 e 4 anos, con convite previo, na Biblioteca Infantil; e, xa no auditorio, con espectáculos destinados ao público adulto.

Onde e como obter as entradas para os trece espectáculos

Os espectáculos de balde no vestíbulo do Fórum Metropolitano serán con entrada libre ata completar a capacidade. Por outra banda, os espectáculos de balde na Biblioteca Infantil serán con convite, levarase a cabo unha inscrición previa a través da páxina web das Bibliotecas Municipais.

No tocante á venda de entradas para os espectáculos no auditorio, habilitarase a venda anticipada ata as 23.59 horas do día anterior ao espectáculo en cuestión, cun prezo de 5 euros, tanto na web de Ataquilla.com como no despacho central de billetes do IMCE na praza de Ourense; tamén se porá á disposición das persoas interesadas a venda no despacho de billetes do Fórum, cun prezo de 7 euros e reducido a 6 no caso das persoas maiores de 65 anos, persoas desempregadas ou que dispoñan do Carné Xove.

O concepto do festival: as historias dos nosos maiores para conectar ás persoas

O festival 'Falando a boca chea' naceu cunha identidade moi marcada: que os contos tradicionais e as historias dos nosos maiores, en base ao seu contido, conecten ás persoas asistentes aos espectáculos, independientemente da súa idade, sexo, orixe ou intereses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión