Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2022

Tamén o xoves, o Fórum Metropolitano acolle un un obradoiro de teatro para nenas e nenos de 8 a 12 anos

O Festival Primaletras achégase aos máis pequenos cun obradoiro de creatividade literaria impartido por Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

A actividade levarase a cabo este xoves 31 de marzo na biblioteca municipal de Durán Loriga, na previa do Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil que se conmemora o sábado

A biblioteca municipal de Durán Loriga abre mañá as súas portas ao Festival Primaletras, inaugurado o pasado día 21 no centro sociocultural Ágora e que ata o próximo día 21 de maio, aproveitando datas sinaladas como o Día da Poesía, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, achegará á cidadanía o talento literario consagrado e recoñecido na escena de Galicia.

Este xoves 31, o protagonista da xornada será o escritor vigués Antonio García Teijeiro, gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2017 con Poemar o mar e considerado un dos poetas máis recoñecidos da escena galega para os máis pequenos. Na antesala do Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, que se conmemora este sábado 2 de abril, García Teijeiro achegarase ás nenas e nenos coruñeses no contexto dun encontro cos clubs de lectura infantís das Bibliotecas Municipais da cidade.

A actividade, orientada a que os máis pequenos tomen contacto co proceso creativo literario, levarase a cabo en base a unha dinámica de xogo que axudará á rapazada asistente a procurar a inspiración previa a escribir, da man dun profesional que conta e publica historias para o público infantil. Ademais, o encontro tamén estará aberto ao público adulto, fomentando a interacción coas familias e persoal docente.

O encontro deste xoves 31 co escritor Antonio García Teijeiro comezará ás 18.30 horas.

Un obradoiro de teatro para nenos e nenas de 8 a 12 anos no Fórum Metropolitano

A programación do Festival Primaletras, que abrangue actividades que se levarán a cabo nas nove bibliotecas municipais da Coruña, tamén chega mañá ao Fórum Metropolitano. A partir das 19.00 horas, o actor Ramiro Neira imparte 'O Xogo Dramático', un obradoiro de teatro para nenas e nenos de 8 a 12 anos que, mediante divertidos xogos, coñecerán de preto as artes escénicas descubrindo a maxia do teatro. A actividade está ideada para estimular a creatividade, imaxinación, comunicación e confianza da rapazada participante.

Ademais, e xa entre o venres e sábado, días 1 e 2 de abril, o Festival Primaletras sairá ás rúas da cidade coa Cé Orquestra Pantasma, que percorrerá A Coruña cun espectáculo de animación musical con paradas nas bibliotecas municipais para celebrar o Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión