Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de febreiro de 2024

O Fórum Metropolitano acollerá este sábado 17 unha sesión formativa para as persoas que integrarán as mesas electorais da Coruña nos comicios do 18-F

O dispositivo experimentará pequenas variacións con respecto ás xerais do 2023: na cidade haberá 86 colexios electorais —previamente eran 85— e 297 mesas —previamente eran 295—

Este domingo 18 de febreiro terán lugar as eleccións ao Parlamento de Galicia, uns comicios aos que están convocadas 197.485 veciñas e veciños da cidade da Coruña para exercer o seu dereito a voto.

Neste sentido, este sábado 17 terá lugar unha xornada organizada polo Concello para formar ás presidentas e presidentes das mesas electorais, na que as persoas asistentes poderán coñecer polo miúdo as funcións que terán que desenvolver este domingo na mesa á que foron asignados.

A sesión formativa terá lugar no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1), a partir das 10.00 horas. Impartirá a formación o Secretario Xeral do Concello da Coruña, asistindo á mesma o presidente e a secretaria da Xunta Electoral de Zona, que estarán á disposición das persoas asistentes para facilitarlles toda a información e aclaracións que sexan necesarias.

Ademais, as e os participantes recibirán un exemplar en papel do Manual de instrucións para os membros das mesas electorais.

Desta forma, o Concello da Coruña busca facilitar as ferramentas e formación necesaria para que as persoas designadas para integrar as mesas electorais poidan executar as súas tarefas coa maior seguridade.

86 colexios e 297 mesas de cara a este domingo

O dispositivo electoral de cara aos comicios autonómicos do 18 de febreiro experimentará pequenas variacións con respecto ao que se dispuxo nas eleccións xerais do 2023.

No termo municipal da Coruña haberá 86 colexios electorais -previamente eran 85- e 297 mesas -previamente eran 295-.

No tocante á creación de novas mesas, desdobráronse dúas ao exceder dos 1.000 electores: son a Mesa C: Distrito 9/Sección 4 (Centro Cívico de Mesoiro) e a Mesa C: Distrito 10/Sección 5 (Pavillón polideportivo da Sagrada Familia).

Outra das novidades será que na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) (Federico Tapia, 64) estarán localizadas catro mesas: as mesas A e B das Seccións 9 e 10 do Distrito 3, que anteriormente votaban no Palacio da Ópera, que pasa de 12 a 8 mesas.

A maiores, as dúas mesas únicas das Seccións 26 e 27 do Distrito 7 que votaban no colexio Liceo A Paz pasan ao pavillón polideportivo do Barrio das Flores.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión