Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2026

O Fórum Metropolitano ofrece unha programación con máis de vinte propostas de teatro, maxia, monicreques e cinema para o segundo semestre de 2026

Gonzalo Castro destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por achegar unha oferta cultural estable, diversa e accesible aos barrios da cidade

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe a programación cultural do segundo semestre de 2026 do Fórum Metropolitano, unha proposta que reunirá máis de vinte espectáculos e actividades entre setembro e decembro e que volverá converter o equipamento municipal nun dos principais espazos culturais da cidade. A nova tempada inclúe teatro, maxia, monicreques, humor, música, creación contemporánea e cinema, con programación dirixida tanto ao público familiar como ao adulto. A oferta estrutúrase arredor dos ciclos Todo Público, Forumáxico, Sen Numerar e Monicreques, aos que se suma a actividade cinematográfica permanente das salas Marilyn Monroe e Fernando Rey.

"Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por que os equipamentos culturais municipais conten cunha programación estable, diversa e de calidade durante todo o ano. O Fórum Metropolitano é un espazo fundamental para achegar a cultura á cidadanía e para ofrecer propostas para todas as idades e sensibilidades", sinalou Gonzalo Castro.

O ciclo Sen Numerar, destinado ao público xuvenil e adulto, reunirá seis montaxes de teatro contemporáneo con especial atención ás cuestións sociais e á creación galega. Entre as propostas previstas figuran 'Lubbert', 'Xoguetes rotos', 'Vitoria, retrato dunha denuncia', 'A Fortaleza', 'Miña casiña, meu lar' e 'Cabaret enxebre'.

A programación familiar chegará da man do ciclo Todo Público, que incluirá espectáculos como 'As pitas baixo a choiva', 'Backstage', 'Inverno na lavandería' e 'Coa cabeza nas nubes', mentres que o ciclo Monicreques ofrecerá propostas como 'Dez anos percorrendo camiños', 'Esperta e Rinoceronte' e 'Os Senteito' durante o período do Nadal. Outra das referencias do semestre será o ciclo Forumáxico, dedicado á maxia e ao ilusionismo para público familiar, coas propostas 'Galerock & Magic', 'Singularia' e '2 ilusionistas impares'.

No ámbito audiovisual, o Fórum manterá a súa aposta polos ciclos cinematográficos estables, con novas sesións de Docs do Mes, Cinemanía Clásica e Cinema de Barrio, ademais da programación regular das salas de cine do equipamento municipal.

 "Queremos que os nosos centros culturais sigan sendo lugares de encontro, creación e participación. Esta programación combina compañías consolidadas, novas propostas e actividades para todos os públicos, contribuíndo a democratizar o acceso á cultura", indicou. A programación completa, horarios e información sobre a venda de entradas poden consultarse na páxina web municipal de Cultura.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión