Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de febreiro de 2018

O goberno local acomete e prevé actuacións na contorna de Elviña por valor de 2,6 millóns de euros, entre as que se atopan a reurbanización de Casares Quiroga, a ampliación do carril bici ou melloras no mercado municipal

Nunha nova edición dos encontros coa cidadanía ‘Dillo Ti’, o alcalde recordou que, nos últimos meses o Concello xa acometeu actuacións por máis de 700.000 euros na zona e destacou a implantación dun parque biosaudable no Barrio das Flores e a mellora da área infantil das Pajaritas

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno local participaron este sábado nunha nova edición do encontro participativo coa veciñanza Dillo Ti, que tivo lugar no Centro Cívico de Elviña. No citado recinto, o rexedor destacou moitas das obras e actuacións previstas para a zona, así como as xa executadas. En conxunto, e segundo explicou, o goberno local investirá no barrio máis de 2,6 millóns de euros entre actuacións que xa están en execución e outras que comezarán este ano, e que se suman ás xa realizadas nos últimos meses, por valor superior aos 700.000 euros. Entre as intervencións máis inmediatas, destaca a reurbanización na rúa Casares Quiroga, que favorecerá a accesibilidade e o espazo público e que conta cun investimento de 526.000 euros, cuxo gasto foi aprobado este mesmo venres pola Xunta de goberno local. Ademais desta actuación, o executivo municipal prevé abordar no presente exercicio distintas obras de accesibilidade, como a proxectada no Barrio das Flores, que servirá para mellorar os pavementos na zona e rampla de acceso ao bloque número 6 de vivendas das Margaridas e a implantación dun parque biosaudable. Tamén se abordará a mellora da área infantil das Pajaritas, que se renovará, do mesmo xeito que se fixo xa coa que está situada na praza de Isaac Díaz Pardo, na que se ampliou e mellorou a zona infantil. No ámbito da dinamización do comercio de proximidade e as prazas de abastos municipais, tamén está previsto un investimento de 234.000 euros para introducir melloras no mercado de Elviña, entre as que destaca a instalación dunha máquina de xeo, así como a reforma do obradoiros do citado espazo.

Segundo recordou o alcalde,  o Concello aborda, neste momento, actuacións por valor de 850.000 euros no barrio, entre as que destacan os traballos para a implantación do carril bici. En concreto, se espera rematar nas próximas semanas as obras nos tramos de carril bici de Pablo Picasso e de Salgado Torres, de forma que, tamén ao longo deste ano, abordarase o treito entre A Palloza e Matogrande. Ferreiro salientou tamén outras obras de calado que se están a acometer neste momento, como a mellora modernización do alumeado do túnel de Salgado Torres e a renovación na Rolda de Outeiro. "Estas son actuacións que se ven, pero tamén hai outras moi importantes que non tan visibles e que xa levamos a cabo, como é o caso da canalización do río Monelos", fundamental para mellorar as condicións de saneamento.

Tanto o alcalde, como o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, aludiron tamén a outras obras xa executadas que, neste caso, superan os 700.000 euros de investimento. Ademais do saneamento do río Monelos, destaca a "solución dun punto negro de verteduras non reguladas na rúa Brasil", así como a renovación de beirarrúas e pasos de peóns na Avenida de Glasgow, as obras de mellora de accesibilidade en Camilo José Cela, que se complementaron coa mellora de asfaltado na senda peonil que comunica esta  rúa con Salvador de Madariaga.

Educación

Por outro lado, Ferreiro salientou as actuacións que o departamento municipal de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, leva acometidas en centros educativos da zona, por valor de 160.000 euros e entre as que destaca o parque infantil habilitado no CEIP Ramón de la Sagra, así como os traballos nos pavimentos en San Xosé de Calasanz e Alborada, e as melloras en Nosa Señora do Rosario, Salgado Torres e María Pita. "Os colexios sempre requiren máis, e así imos seguir", dixo. Ao fío, a titular de Xustiza Social reiterou o "compromiso e o apoio do Concello ás reivindicacións que están a facer as nais e os pais do IES de Elviña, que solicitan que a cafetería do centro continúe co servizo e o horario que leva ofertando dende hai 10 anos". Así, a concelleira reiterou a súa intención de solicitar unha xuntanza coa Xefatura Territorial de Educación "co obxectivo de mediar nesta situación e tratar de atopar, entre todas as partes, unha solución consensuada". "En todo caso, este goberno cre que os e as nenas teñen dereito á conciliación e a unha alimentación de calidade. O noso apoio a esta reivindicación é total, e buscaremos unha alternativa no caso de que non alcancemos unha resposta que sexa satisfactoria para as demandas da ANPA e a cidadanía", engadiu. Pola súa banda, o alcalde, comprometeuse a abordar o tema coa dirección do centro na busca de solución. "Estou seguro de que conseguiremos dar resposta xa que, non hai outra forma de abordar os conflitos, que falando para chegar a entendemento".

Entre outras actuacións da área de Xustiza Social salientan as intervencións coa mocidade dentro do plan Mediación na Rúa, que busca respostar as demandas de orientación tanto social como de carácter laboral coa que se poidan atopar mozos e mozas dende a propia rúa, así como dentro do plan Sábados Divertidos, pretende dar alternativas de ocio á rapazada.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión