20 de abril de 2018
Xulio Ferreiro afirmou que “é de xustiza” abordar as demandas dunha área que “durante décadas foi tratada como se non fose parte da cidade” e na que o Concello acometeu actuacións de coidado ambiental e de inclusión social dende o comezo do mandato. O alcalde informou tamén do inicio da revisión de oficio das resolucións de autorización dos contratos de compravenda de dous inmobles do concurso de adquisición de vivenda, un proceso que o Goberno local asume de maneira voluntaria e no que os grupos da oposición deben alegar xuridicamente as supostas causas de nulidade ás que aludiron no Pleno.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación das obras de reforma do edificio da asociación de veciños do Campanario, que supoñen un investimento de 307.778,48 euros. "Trátase dunha vella demanda, sobre un edificio construído en 1968, que abordamos co obxectivo de revitalizar, dinamizar e dar dignidade a unha parte da Coruña que, durante décadas, foi tratada como se non fose, efectivamente, parte desta cidade", reivindicou o alcalde, Xulio Ferreiro, na súa comparecencia tras a reunión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. Os traballos, que teñen un prazo de execución de nove meses, consisten na distribución de novas estancias no interior, pero tamén na instalación de saneamento, fontanería, calefacción, ventilación, electricidade, telecomunicacións, unha nova cuberta e os axustes precisos para garantir o acceso a persoas de mobilidade reducida, como detallou Ferreiro.
"É de xustiza tratar a todos os veciños e veciñas da cidade por igual e así o estamos facendo. Este goberno quere reverter as históricas débedas da veciñanza desta zona. Dende o principio traballamos coas persoas dos asentamentos precarios, e no Campanario estamos facendo diversas accións", apuntou. Neste sentido, lembrou que, dende comezos do actual mandato, o Concello está a levar a cabo numerosas actuacións "de carácter social, tanto de inclusión social, como de cursos de formación, así como accións ambientais".
En concreto, a Concellería de Medio Ambiente leva a cabo proxectos no Campanario relacionados coa limpeza das fincas, para a prevención de incendios e tamén coa retirada de residuos, medidas "que entroncan, directamente, cunha das liñas de actuación deste Goberno, que pasa por fomentar o acceso da poboación a unha vivenda e a unha contorna dignas". As actuacións dentro do marco do Proxecto Integral de Xestión de Residuos nos asentamentos precarios recolleron 14 toneladas de residuos entre 2015 e 2016 coa participación da veciñanza da zona, na que tamén se procedeu á renovación de contenedores e se incorporou ao servizo de limpeza viaria. No ámbito social, as concellerías de Xustiza Social e Rexeneración Urbana teñen en marcha o recoñecemento de uso das vivendas, en tanto non se regularice a situación, para recoñecer a condición de residentes e facilitar a estas familias a concesión de axudas sociais autonómicas como a Risga. Ademais, están dispoñibles espazos de compensación nos que, durante todo o ano, participan unha trintena de nenos e nenas e nas que reciben apoio escolar en grupo e individualizado e obradoiros de hábitos seis horas semanais.
Licenzas
Por outra parte, o alcalde tamén trasladou outros asuntos tratados na Xunta do Goberno local como o relativo aos expedientes tramitados pola Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, sobre os que informou o seu responsable, Xiao Varela. Ferreiro explicou que entre o 4 e o 17 de abril tramitáronse 198 expedientes urbanísticos, o que indica que "segue aumentando o nivel de concesións" neste departamento. Nese período concedéronse 30 licenzas urbanísticas, 88 comunicacións previas ao incio das obras, así como 61 comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de estabelecementos. Ademais, a concellería tramitou seis denegacións, tres caducidades, seis prórrogas no prazo de execución e outros catro expedientes repartidos entre de recursos de reposición, autorización de proxecto de execución, primeira ocupación e desistimento.
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde, tal e como o propio alcalde xa adiantou o pasado luns, ao inicio do procedemento de revisión de oficio --a instancias do solicitado polo Pleno municipal na sesión celebrada o pasado 11 de abril-- das resolucións de autorización dos contratos de compravenda de dous inmobles sitos nas rúas Joaquín Martín Martínez e Santander, e que forman parte dos seis pisos que o Concello adquiriu dentro do Concurso de Adquisición de Vivenda, que ten como obxectivo facilitar o acceso a unha vivenda a colectivos con especial dificultade, así como contribuír á rexeneración dos barrios da cidade. Ferreiro lembrou que o Goberno local responde así a unha solicitude do Pleno "que non é xuridicamente vinculante e que se asume voluntariamente e coa máxima transparencia". O proceso continuará agora dándolle traslado aos interesados para que formulen as súas alegacións nos próximos 15 días, incluíndo aos grupos da oposición, nomeadamente ao grupo do Partido Popular, que promoveu o pleno extraordinario ao respecto. "É o momento que digan, xuridicamente, cal é a causa da nulidade que alegan", indicou Ferreiro.
O executivo municipal trasladará ao Consello Consultivo o expediente completo do concurso de adquisición de vivenda impulsado polo Concello coas propostas de revisión derivadas, tanto do acordo da Xunta de goberno local celebrada o pasado 11 de abril e relativas ás vivendas das rúas Joaquín Martín Martínez e Barreira (propostas polo informe encargado a Asesoría Xurídica) como do Pleno extraordinario celebrado nesa mesma xornada, que inclúen o citado piso de Joaquín Martín Martínez e unha vivenda na rúa Santander. "Coa incoación destes expedientes damos cumprimento ao expresado polo Pleno. Non obstante, a sesión plenaria non concretou as causas da nulidade destes pisos, polas que instaba á revisión dos inmobles da rúa Joaquín Martín Martínez e Santander, e ese é un trámite necesario para elevar a proposta ao Consultivo", recordou o mandatario local. Unha vez todas as partes presenten as súas alegacións e se elaboren os informes, o Concello remitirá ao Consello Consultivo o expediente completo do Concurso de Vivenda e os referidos informes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible