Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de agosto de 2017

O Goberno local afonda na súa aposta “pola recuperación da gran romaría da cidade, Santa Margarida”, con dous días de programación "que dan conta do legado e a vangarda da cultura tradicional"

O concelleiro José Manuel Sande sinala que a iniciativa, que inclúe os concertos de Luar na Lubre, Samarúas, Pablo Díaz ou Radio Cos, incorporará un novo horario que dará pé “a un programa ininterrompido de música, baile e celebración” na primeira xornada, na que haberá obradoiros abertos á cidadanía con Xela Conde, Davide Salvado ou Suso Vaamonde

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará os días 26 e 27 de agosto, no marco das Festas de María Pita 2017. Tal e como destacou o edil, o Goberno local dará continuidade á liña iniciada o ano pasado de recuperación e posta en valor do arraigamento e música tradicional "a través da gran romaría da cidade", que porá "o broche dourado" o mes de festexos no municipio, e na que participarán "desde referentes históricos como Luar na Lubre até grupos emerxentes como Samarúas". "A Romaría de Santa Margarida supón, desde o verán de 2016, un elemento diferencial respecto ás festas de anos anteriores, xa que existe unha aposta clara do Concello pola recuperación da gran romaría dunha cidade viva e próxima, con dous días de programación, e na que participa activamente o tecido cultural tradicional coruñés", sinalou o concelleiro, en referencia á colaboración que se estableceu desde o ano pasado coas agrupacións tradicionais locais a través do programa de dinamización Ardelloeixo. "Esta Romaría é unha celebración que suma legado e vangarda vinculada ao ámbito tradicional, e na que se estende a colaboración que se fai durante todo o ano con entidades que realizan un labor fundamental a nivel pedagóxico na cidade, como son Xacarandaina, Donaire ou Son D'aquí, e que representan a esencia da propia romaría", expuxo Sande.  

Na primeira xornada da Romaría desenvolveranse desde as 11.00 horas numerosos concertos, obradoiros de canto e baile ou de construción de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos a todos os públicos en diferentes espazos da cidade, como son as prazas de Vigo, Galicia e Lugo, que mudarán os seus nomes polas prazas do Baile, da Música e Miúda, respectivamente. "Esta expansión da Romaría vincúlase ao Coñecemento que dá nome a esta concellería, un coñecemento vinculado á pedagoxía e á parte formativa desta festa, e que se achegará á cidadanía a través de numerosas actividades durante todo o día", incidiu o responsable municipal. Así, figuras recoñecidas do mundo do folclore como Xela Conde, Davide Salvado, Suso Vaamonde ou Carlos Xosé Vidal impartirán obradoiros de percusión vocal, pandeireta, canto ou baile durante o sábado, entre outras moitas actividades. Ademais, como principal novidade en relación ao espallamento da Romaría alén do Parque de Santa Margarida, este ano inclúese unha sesión vermú, Folclore+, con pasacalles e unha sesión vermú ás 14.00 horas na rúa Alameda que contará coa participación de PanSenFron, o que fará deste primeiro día "unha xornada ininterrompida de celebración", sinalou Sande. Unha vez rematen as actividades nas prazas e rúas, a actividade trasladarase a Santa Margarida, onde terán lugar os concertos de Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc --20.00 horas--, A banda das Crechas e Davide Salvado --21.30 horas--, Riobó --23.00 horas-- e Radio Cos --00.30 horas--.

O domingo 27 a Romaría manterá a estrutura do pasado ano, coa celebración de obradoiros, pasacalles, actividades infantís e fogos artificiais en Santa Margarida, e contará coa tradicional actuación da Banda Municipal de Música ás 12.00 horas. En canto á celebración nocturna, desde as 18.00 horas haberá concertos de Xacarandaina, Samarúas --20.30 horas-- e Luar na Lubre, que pechará, no seu XXX aniversario, as Festas de María Pita cun concerto que comezará ás 22.00 horas.

Ademais, desde o 14 de agosto, realizaranse actividades por toda a cidade, co obxectivo "que o folclore, a música e o baile tradicional invada A Coruña", destacou Noa López, coordinadora das actividades e quen acompañou ao concelleiro na rolda, xunto a Cristina Rodríguez, membro da Asociación Cultural Xacarandaina en representación das entidades locais colaboradoras da iniciativa. López sinalou que as mesas redondas e faladoiros que o ano pasado tiveron lugar na praza de Galicia este ano celebraranse nas semanas previas á Romaría, ás que se sumarán proxeccións de documentais e a "invasión de sancosmeiros, colares e roupa que nos representa nos escaparates da cidade", "unha visibilización que afondará no protagonismo que o folclore ten, desde o ano pasado, nas festas da cidade", incidiu.

Documentos:

Folleto Romaría Santa Margarida (3 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión