15 de setembro de 2016
O acordo, que subscribiu hoxe o alcalde, Xulio Ferreiro, dentro das medidas impulsadas polo Concello na loita contra a pobreza enerxética, establece os mecanismos de coordinación para o mantemento do servizo de luz e gas a través da tramitación de axudas municipais
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou este xoves un convenio de colaboración co delegado comercial de Iberdrola en Galicia, Ignacio Lázaro, co obxectivo de evitar cortes na subministración de enerxía eléctrica e de gas a veciñas e veciños da Coruña en situación de vulnerabilidade, unha iniciativa que vén a sumarse ás accións desenvolvidas polo Concello para atender ao colectivos en risco de exclusión e paliar os efectos da pobreza enerxética. Como expón a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, tamén presente no acto de sinatura, o acordo vai encamiñado a facilitar ás persoas en situación precaria usuarias dos servizos sociais a tramitación de axudas municipais que permitan que non se chegue a realizar o corte de luz ou de gas, mediante o pagamento das débedas contraídas coa empresa subministradora, "activando os recursos do Concello para tratar de contrarrestar a pobreza enerxética das persoas que se atopan en situación ou risco de vulnerabilidade social e evitar que ningunha veciña ou veciño quede sen luz ou gas por non poder afrontar o seu custo". Deste xeito, será a propia concellería, a través dos Servizos Sociais, a que se encargará de tramitar as prestacións ás que as persoas afectadas poidan ter acceso e, con elas, aboar a Iberdrola a contía das facturas susceptibles de provocar o corte do servizo.
O convenio, que ten validez dun ano, prorrogable anualmente, establece deste xeito os mecanismos de coordinación entre o Concello e a subministradora para evitar a suspensión do servizo por impago de facturas a persoas en situación de vulnerabilidade. En virtude do acordo, o Concello, a través do persoal dos Servizos Sociais da Concellería de Xustiza Social e Coidados, realizará a valoración das persoas potencialmente beneficiarias, para xestionar o pago da débeda en concepto de subministración enerxética e, no mesmo sentido, tramitará as correspondentes prestacións e comunicará a Iberdrola a solicitude da axuda de emerxencia social ou análoga, coa finalidade de evitar a interrupción dos servizos, así como a resolución do procedemento de concesión da prestación. En caso de resultar positivo, o Concello será o encargado de efectuar o aboamento das facturas correspondentes a Iberdrola. O documento recolle tamén o compromiso da empresa subministradora de deixar en suspenso os cortes de de electricidade ou gas, unha vez reciba de parte do Concello a comunicación dos trámites para a concesión dunha axuda de emerxencia social ou análoga respecto da persoa beneficiaria. Deste xeito, a compañía accede a suspender ata tres meses os cortes, "sempre e cando se produza comunicación dos servizos sociais municipais ou se acredite de forma fidedigna que os servizos sociais teñen coñecemento da situación concreta". De igual xeito, a empresa evita a aplicación de ningún interese de demora, comisión ou similar ao ente municipal.
O acordo subscríbese, tal e como expón a responsable de Xustiza Social e Coidados, toda vez que o Concello xa ven outorgando axudas económicas a veciñas e veciños da cidade en situación ou risco de vulnerabilidade, para evitar os cortes destes servizos básicos, e ante a vontade das dúas entidades asinantes de "facilitar os trámites destas axudas municipais ás persoas usuarias de Servizos Sociais por débedas xeradas por motivo da subministración de electricidade e ou gas, coa finalidade de que non se chegue a realizar o corte", segundo se fai constar no documento.
Este último convenio segue a liña do xa subscrito no mesmo sentido coa compañía Gas Natural Fenosa a finais do ano pasado, dirixido a evitar os cortes de subministración enerxética a veciñas e veciños en risco de vulnerabilidade e clientes desta empresa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible