21 de abril de 2017
As actuacións supuxeron a construción dun treito de beirarrúa, a colocación dun paso peonil e melloras na sinalización horizontal para ordenar o tráfico
A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, acaba de rematar os traballos de mellora da accesibilidade da rúa Mendaña de Neyra, desenvolvidos nas últimas semanas para dotar esta vía dun treito de beirarrúa do que carecía, no cruzamento coa avenida da Universidade, así como dun paso peonil. Trátase, como destaca o concelleiro, dunha actuación moi reclamada pola veciñanza, que demandaba un paso axeitado para transitar a rúa de forma segura na súa totalidade ou atravesar á mazá de ExpoCoruña, "tendo en conta ademais que esa outra beirarrúa é moi empregada polas rapazas e rapaces e nais e pais das agrupacións residenciais desta zona, tanto desa rúa como de Juan de Ciórraga ou Someso, como lugar de encontro, pola súa amplitude e disposición".
A intervención, que contou cun investimento de 46.493,22 euros, requiriu dun proceso de expropiación para dar cabida á nova beirarrúa e incluíu a execución dun muro de contención, necesario para realizar a beirarrúa e a colocación dunha baranda. De forma complementaria a estes traballos, o Concello abordou pequenas actuacións na sinalización horizontal da rúa de cara a ordenar o tráfico e facer máis cómodo o acceso aos garaxes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible