Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de marzo de 2017

O Goberno local consolida a súa aposta pola democracia directa coa posta en marcha dos Orzamentos Participativos 2018

A edil Claudia Delso avanza a ampliación do número de encontros de debate nos equipamentos municipais “para equilibrar e fomentar a participación telemática e presencial”, nos que a veciñanza poderá presentar as súas achegas

A Concellería de Participación e Innovación Democrática publicará no Perfil de Contratante, nas próximas datas, o concurso para adxudicar a organización e o desenvolvemento do proceso de Orzamentos Participativos que terá lugar este ano, 2017. A iniciativa ten como obxectivo que a cidadanía decida, dun xeito directo, e por segunda ocasión na historia da cidade, o destino dunha partida de investimento dos presupostos municipais de 2018. A edil Claudia Delso sinala que esta medida "supón a consolidación dun programa estrutural do Concello e dun mecanismo de democracia directa fundamental para este Goberno, que cre na participación activa da veciñanza nas políticas públicas". A concelleira avanza que, despois da experiencia pioneira do ano pasado, o executivo local activará esta primavera un novo proceso que "reafirma a aposta" para que sexa a propia cidadanía "a que forme parte da toma de decisións das inversións que se realizarán nos barrios para mellorar a súa calidade de vida", o que considera "irreversible". "A participación cidadá chegou para quedarse, e os Orzamentos Participativos son unha boa mostra disto", asevera a responsable municipal.

O programa comezará esta primavera e manterá a estrutura que se desenvolveu en 2016, na que se deron as fases informativa, de achegas, apoios, avaliación e votación. Entre as principais novidades deste ano sitúase a ampliación do número de espazos de debate sobre as necesidades dos barrios e da cidade, que se organizarán en equipamentos municipais na primeira fase informativa, así como a posta en marcha dunha unidade móbil que achegará, de forma directa, a información sobre o proceso a distintas localizacións do municipio, co propósito de traballar na diversidade da participación e apoiar ás persoas que non dispoñan de autonomía dixital. "O obxectivo é buscar un equilibrio entre a participación telemática, aproveitando a plataforma www.aportaaberta.coruna.es, e os encontros presenciais nos distintos barrios da cidade", expón Delso, que avanza que terán lugar, ademais, xuntanzas informativas con entidades veciñais e con todas aquelas inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións (REMAC).  

A este respecto, a edil destaca que o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e as Bibliotecas serán de novo espazos de referencia para resolver consultas e dúbidas respecto á plataforma dixital ou o propio proceso, "unha alianza moi valorada noutras cidades do Estado que tamén desenvolven procesos semellantes", asegura, e que o executivo local apoiará de novo a todas aquelas entidades inscritas no REMAC ou veciñais "que queiran adoptar un papel activo e organizar os seus propios debates". "O Concello acompañará metodoloxicamente, con formación e comunicación, os encontros que se organicen desde as entidades, coa finalidade de fomentar o empoderamento e a corresponsabilidade destas nos procesos de democracia directa, e que afondan nunha gobernanza máis próxima", explica.

Nesta mesma fase informativa abrirase tamén, de maneira simultánea, o prazo de recollida de propostas --para persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos-- a través da plataforma www.aportaaberta.coruna.es, unha demanda que se produciu na experiencia piloto anterior. "As achegas veciñais non só teñen un obxectivo final de investimento, senón de mellora, en común, do propio proceso", afirma Delso, "polo que que as propostas poderán facerse no momento no que xurda o debate". De cara ao programa deste ano, a responsable municipal sinala que o Goberno local "ten interese en acadar unha maior diversidade que represente a pluralidade da veciñanza". "Agardamos, este ano, recibir achegas de todos os barrios e de todos os grupos de poboación. O ano pasado participou, con gran implicación, moita xente nova, polo que un dos propósitos desta edición é acadar máis intervencións da veciñanza de idade máis avanzada", di a responsable municipal.

Para desenvolver o proceso de Orzamentos Participativos, polo que a veciñanza da Coruña decidirá directamente sobre unha porcentaxe do presuposto municipal de 2018, a Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de sacar a concurso o contrato de servizos para a súa organización, por valor de 40.000 euros IVE incluído. As entidades interesadas en participar deberán presentar unha proposta técnica para o desenvolvemento dos encontros, detallando a estrutura e a organización dos distintos traballos do contrato, así como unha proposta da campaña de comunicación e mediación que inclúa o deseño, a produción e a distribución de todos os materiais e soportes que se consideren adecuados para chegar con facilidade ao público e fomentar a participación. Tamén será imprescindible acompañar esta documentación do curriculum vitae do persoal adscrito ao contrato e que este teña experiencia na prestación de servizos aos que desempeñen de, como mínimo, dous anos.

Á hora da valoración, teranse en conta tanto as propostas presentadas como a adecuación do persoal, e a oferta económica para a súa realización. O prazo de presentación de propostas será de 10 días naturais desde a súa publicación no Perfil do Contratante do Concello da Coruña.

No prego de condicións de contratación especifícase tamén que, durante toda a vixencia do contrato, as entidades empresas deberán comprometerse a manter ou mellorar as condicións do persoal fixadas no convenio colectivo, en especial ás referidas aos mínimos salariais e aos compromisos de contratación e estabilidade no emprego. Do mesmo xeito, o prego tamén obriga á adxudicataria do servizo a garantir igualdade entre mulleres e homes no trato, incluír medidas que favorezan a conciliación e á utilización dunha linguaxe inclusiva e non sexista. Tamén será unha condición a adopción de medidas para minimizar a contaminación producida nas súas diferentes facetas, debendo utilizar materiais reciclables.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión