9 de febreiro de 2017
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, avoga por “valorar o que ten que ver co estadio con información precisa e de primeira man, non xogar a enfrontarse nin frivolizar”, e salienta o “claro compromiso do Concello co club”, que só en canto ao uso do estadio municipal o propio Deportivo cifra en 700.000 euros anuais e que prevé nas cubertas un investimento histórico
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, confirmou este xoves que o Goberno local vén de convocar unha xuntanza con representantes do Consello de Administración do Real Club Deportivo da Coruña, que terá lugar o mércores vindeiro, "para abordar e analizar as alternativas que se barallan na obra das cubertas do estadio municipal", un proxecto no que o Concello -salientou- "ten un grado importante de compromiso e de investimento". "É o momento de ver as posibilidades comúns, non de enfrontarse, tendo unha información máis precisa e de primeira man para poder valorar as propostas", indicou o responsable municipal, quen incidiu, en todo caso, en que calquera posibilidade que se propoña "ten que plantearse en termos que sexan legais e administrativos". "Hai cousas que non son posibles porque non parecen legais", advertiu, para recordar que o Concello traballa en todo momento da man da asesoría xurídica. "De entrada, parece difícil acurtar máis os os prazos", observou. A este respecto, o concelleiro indica que a Lei de Contratos do Sector Público (Texto Refundido) pauta a aplicación das normas da contratación pública -e polo tanto, tamén os prazos-, aínda que a obra a contratase unha entidade privada, nos casos de contratos con importes superiores aos cinco millóns de euros, como ocorre co proxecto de Riazor, cando estean totalmente subvencionados por unha administración pública, tal e como se indica nos artigos 13 e 17 do citado texto -o último dos cales alude especificamente á construción de cubertas e estruturas de cerramento, ou de centros deportivos, entre outros-. Igualmente, advirte de que unha subvención directa dunha administración pública a unha sociedade anónima deportiva "podería considerarse axuda de Estado".
Durante a súa comparecencia cos medios esta mañá, o concelleiro subliñou que "o compromiso do Goberno municipal co Deportivo é claro", en alusión á exclusividade que o club ten no uso do estadio para o equipo masculino de primeira división (o fútbol base e o feminino do Dépor non repercuten na cidade) e o apoio económico municipal que recibe, tendo en conta que o uso desta instalación está taxado polo propio Deportivo en 700.000 euros anuais, sen que estes teñan repercusión algunha para o club, e sen prexuízo doutras axudas directas e indirectas que percibe do Concello. Neste sentido, Sande recordou que o investimento previsto no novo proxecto de rehabilitación, de máis de sete millóns de euros, "é moi próximo ao orzamento total da área de deportes da concellería" e case triplica o custo da proposta inicial para a reparación, que o Goberno municipal substituíu por outra máis ambiciosa e de maior envergadura tras as dúbidas da viabilidade e idoneidade da primeira, evitando así que os traballos puideran xudicializarse e paralizarse, o que os alongaría no tempo durante varios anos. Do mesmo xeito, o Concello está a punto de licitar un contrato de mantemento do estadio, e avanza a bo ritmo as obras de reparación iniciadas esta mesma semana para arranxar os danos derivados dos últimos temporais. "Polo tanto, desde a dirección do Deportivo debe tratarse con respecto e desde a institucionalidade debida ao Concello e ao Goberno municipal, e seguro que todos e todas estamos de acordo en non usar un símbolo popular como o Dépor para volver a crear divisións", indica.
Na súa intervención, Sande chamou tamén a rematar co cruce de informacións para "falar dos proxectos de maneira directa", e pediu "non frivolizar con estas cuestións, como cando se intenta caricaturizar problemas como o da vivenda, como chegou ocorrer estes días, o se utiliza ton desprezativo sobre actividades deportivas de menor tamaño". "O ideal será que falemos, nos xuntemos co traballo feito por cada unha das partes e vexamos cales son as posibilidades con toda a información e con sentidiño", incidiu, tendo en conta que o Concello estivo en contacto co club en todo momento e informou das decisións que se foron adoptando con respecto ao proxecto para Riazor. A este respecto, o concelleiro sinalou tamén que o Goberno local buscou diversas opcións, como a de contar con outras administracións, como a Deputación. "Falouse no seu momento co deputado de Deportes, pero cada un considera que as súas competencias son unhas determinadas e, neste caso, entendeuse que o estadio é do Concello", comentou, indicando que naquel momento "non se viu pola outra parte a posibilidade fácil desa colaboración".

4 de abril de 2026

1 de abril de 2026

1 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible